Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comercio e hostalaría suman esforzos na...

DO 7 DE DECEMBRO AO 5 DE XANEIRO, “ESTE NADAL PASÁMOLO XUNTOS”

Comercio e hostalaría suman esforzos na campaña de Nadal deste ano co apoio do Concello de Carballo

O presidente do CCA, Ricardo Pallas; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e o alcalde, Evencio Ferrero, presentaron a iniciativa

Luns 7 de decembro do 2020 Carballo ao día

Representantes do CCA e do Concello presentaron a campaña

Representantes do CCA e do Concello presentaron a campaña

Solidariedade, unión e seguridade son as tres palabras que definen este ano a campaña de promoción do comercio local do CCA, á que se suma por primeira vez a Asociación de Hostalaría. Co lema “Este Nadal pasámolo xuntos, seguro!”, hoxe arrincou unha ambiciosa iniciativa que se desenvolverá ata o 5 de xaneiro e que, como destacou o presidente do Centro Comercial Aberto, Ricardo Pallas, precisa máis ca nunca da colaboración cidadá. “Apelamos á solidariedade coa actividade económica de Carballo para que todos poidamos saír adiante”, manifestou na presentación da campaña, na que estivo acompañado polo concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e o alcalde, Evencio Ferrero.

O acto celebrouse na Praza do Concello, xunto á enorme caixa de madeira na que poderán depositarse os “rasca” que distribuirán os 78 comercios participantes e os boletos que entregarán aos seus clientes un total de 32 locais de hostalaría. En total está previsto repartir 200.000 boletos e 13.000 premios por un valor de 65.000 euros. “É unha campaña ambiciosa”, dixo o presidente do CCA, que insistiu en que a colaboración entre comercio e hostalaría “vai no beneficio de todos”.

Xosé Regueira: “Agardamos que o mes de decembro sexa, como mínimo, tan bo como foi o mes de novembro, do que saímos moi satisfeitos da campaña Sempre Carballo e así nolo fixeron saber os comercios”

“Agardamos que o mes de decembro sexa, como mínimo, tan bo como foi o mes de novembro, do que saímos moi satisfeitos da campaña Sempre Carballo e así nolo fixeron saber  os comercios”, apuntou o concelleiro de Promoción Económica. O obxectivo da campaña Sempre Carballo era “non só reactivar a compra senón fidelizar a clientela, e agardamos que moita clientela que volveu a mirar o comercio local, en vez do comercio electrónico e das grandes superficies, tamén nesta época elixa o comercio local, porque é o que nos vai manter vivos como sociedade”, engadiu.

Xosé Regueira agarda que a urna da Praza do Concello reborde papeletas e que a hostalaría poida abrir “a un nivel que poida dinamizar a actividade económica. Pedimos responsabilidade”. Por parte da área de Promoción Económica tamén se presentará nos vindeiros días unha nova campaña complementaria de apoio ao comercio e a hostalaría, “porque se hai bos resultados para o comercio e a hostalaría haberá bos resultados para toda a sociedade carballesa”, afirmou o concelleiro.

Evencio Ferrero: “En momentos difíciles sempre é necesario que as sociedades demostren as súas capacidades, e neste momento é moi importante que a sociedade carballesa demostre a capacidade que ten o comercio local e a hostalaría local para ser un exemplo

“En momentos difíciles sempre é necesario que as sociedades demostren as súas capacidades, e neste momento é moi importante que a sociedade carballesa demostre a capacidade que ten o comercio local e a hostalaría local para ser un exemplo e un lugar de encontro, con toda a seguridade e todas as medidas indicadas polas autoridades sanitarias”, manifestou o alcalde. Ademais de desexar moito éxito ás entidades promotoras da iniciativa, Evencio Ferrero expresou o seu desexo de que pouco a pouco recuperemos certa normalidade e amosou “todo o noso apoio á hostalaría local e ao comercio local”.

Ligazóns

Compartir: