As obras de reurbanización de rúas e mellora da accesibilidade continúan a estenderse polos barrios urbanos
O proxecto de reforma integral da rúa Bos Aires entrou na recta final
Martes 8 de decembro do 2020 Carballo ao día
Visita á rúa Bos Aires
O alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Mobilidade, Luis Lamas e Juan Seoane, achegáronse ata a rúa Bos Aires, onde as obras de reforma integral están practicamente listas. Os obxectivos da actuación, que executa a empresa local Vázquez y Reino cun orzamento de 280.775,27 euros, eran a renovación dos servizos urbanísticos, eliminando as canalizacións de fibrocemento e os tendidos aéreos e introducindo novos servizos, e a mellora da accesibilidade mediante a creación dunha plataforma única.
Aos dous obxectivos comúns a todas as obras viarias que se están a executar na zona urbana, súmase neste caso un elemento diferenciador introducido pola arquitecta carballesa María Vázquez Esmorís no seu proxecto, que é a incorporación de xogos infantís como un elemento máis da propia rúa xunto co mobiliario e o axardinamento.
Rúa Perú
A empresa Vázquez y Reino executará tamén as obras da rúa Perú, paralela á anterior, que foron adxudicadas a finais de outubro por 188.266,01 euros. A actuación desenvolverase no treito comprendido entre a rotonda do cruce coas rúas Ponte e Poñente e a rúa Ourense, o que supón uns 150 metros lineais.
Como na totalidade das vías urbanas nas que estamos actuando, o proxecto permitirá eliminar as tubaxes de fibrocemento, ademais de separar as canalizacións de augas pluviais e residuais, soterrar os tendidos e implantar novos servizos. Debido á densidade do tráfico, nesta vía óptase pola construción de beirarrúas e calzada a distintos niveis. As incorporacións ás rúas Estrela e Chile resolveranse con “isletas”.
Rúa Tarragona
Próxima a esa zona está outra das actuacións en marcha, neste caso en contratación: a reforma do treito da rúa Tarragona comprendido entre as rúas Saúde e Barcelona, completando deste xeito a trama urbana nesa mazá.
Neste caso faise especialmente necesaria a instalación e renovación de servizos, xa que o abastecemento de auga ás vivendas faise actualmente dende as rúas veciñas, pero non hai canalización na propia rúa, e tampouco de saneamento nin pluviais. Ademais de resolver estas carencias, canalizaranse as redes eléctrica e telefónica e implantaranse as de gas e cable, ata agora inexistentes. O proxecto inclúe a demolición parcial dunha edificación para adaptar a rúa as aliñacións do PXOM. En canto ao tratamento en superficie, a rúa será de plataforma única, con acabados semellantes ás lindeiras, cun carril de circulación e zonas de aparcamento, ademais de mobiliario urbano e axardinamento con árbores de crecemento lento.
Zona do Chorís
Neste cruce construirase unha rotonda
Outra das actuacións que se levarán a cabo proximamente na rede viaria urbana realizarase nas rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, nas que investiremos 250.770,83 euros. As obras serán executadas pola empresa Excavaciones y Obras Candal, que deberá completar as obras de reurbanización de varias rúas no entorno da mazá de equipamentos do Complexo Deportivo Vila de Noia, o CEIP Fogar e o IES Alfredo Brañas. Trátase polo tanto dunha zona altamente sensible en canto á seguridade viaria, pois concéntrase en curtos períodos de tempo unha gran afluencia de nenos e adolescentes, punto final dunha das rutas do Pedibús, autobuses de transporte escolar e familias que acompañan á rapazada ao colexio e ás instalacións deportivas da piscina e pavillón da Vila de Noia.
Ademais da mellora dos servizos urbanos e de completar a reurbanización da contorna dos edificios públicos, tamén se incorpora a construción dunha glorieta no cruce das rúas Vila de Corcubión, Alfredo Brañas e avenida de Bergantiños para mellorar a fluidez do tráfico rodado.
Eliminación de barreiras
Xunto a estes proxectos integrais tamén se están desenvolvendo obras de mellora da accesibilidade en distintos barrios. Agora mesmo está en marcha unha actuación que incluíu unha serie de melloras nas zonas da Casilla, o Igrexario e A Milagrosa, nas rutas do camiño escolar do CEIP A Cristina, e que se completará coa eliminación de barreiras na rúa Vázquez de Parga, cun investimento de 153.065 euros. Ademais, xa temos en marcha a contratación dun novo proxecto para o barrio da Milagrosa e a Avenida Ponte da Pedra, cun orzamento de 216.519,94 euros procedente do remanente de tesourería para gastos xerais.
Proxectos para o 2021
Unha vez desbloqueado o remanente, entre os 13 primeiros proxectos que acometeremos ao longo do ano 2021 figuran tamén dúas actuacións prioritarias no plan director elaborado para a ordenación de todo o ámbito dos Baños Vellos: a reurbanización da rúa Pontevedra, cun orzamento de 151.344,30 euros, por unha banda, e a das rúas Ourense e Baños Vellos, por 294.631,77, por outra, que sairán en breve a licitación.