A Consellería de Sanidade destaca a “boa evolución” dos datos de COVID-19 en Bergantiños pero de momento mantén as restricións
Os posibles cambios terán que agardar ás reunións do subcomité ou do comité de expertos da Xunta que se celebrarán o venres desta semana e o martes da próxima
Mércores 9 de decembro do 2020 Carballo ao día
Evencio Ferrero, durante a xuntanza telemática de hoxe
Os alcaldes e alcaldesas dos concellos de Bergantiños, Soneira e Fisterra con restricións de mobilidade, entre eles Evencio Ferrero, mantiveron hoxe un novo encontro telemático con responsables da Consellería de Sanidade, que deron conta as cifras de casos activos e incidencia a sete e a catorce días en todos os concellos e destacaron a “boa evolución” dos datos tanto en Bergantiños coma no concello de Vimianzo, aínda que non tanto no perímetro formado por Muxía, Dumbría e Cee.
De momento non hai cambios en canto ás restricións, á espera do que decidan ou ben o subcomité ou ben o comité de expertos, que se reunirán, respectivamente, o venres desta semana e o martes da vindeira. Dado que o primeiro céntrase exclusivamente na análise dos gromos e corresponde ao segundo a valoración do conxunto dos indicadores, en Carballo é probable que haxa que agardar ao martes. “Pode haber cambios o venres, ou o martes, ou pode non habelos, xa que antes de levantar restricións debemos ter certa seguridade de que non imos ter que volver a poñelas unha semana máis tarde”, indicaron as autoridades sanitarias.
Neste sentido, dende a Consellería de Sanidade insistiron especialmente na necesidade de adoptar todas as medidas de prevención nas xuntanzas familiares, que constitúen, segundo dixeron, “o primeiro foco de contaxio. O segundo _endadiron_ é a hostalaría”, e a ese respecto aludiron á necesidade de reforzar os controis. Nesa dirección, Sanidade ten previsto realizar un cribado especial nos sectores hostaleiro e hoteleiro no que participarán “entre 40.000 e 45.000 persoas en toda Galicia”, segundo anunciaron na xuntanza telemática de hoxe.
DATOS
A día de hoxe no noso concello hai 103 casos activos de COVID-19, 53 menos que hai unha semana. Tamén se reduciu substancialmente a incidencia a sete días _de 188 a 89_ e a catorce días _de 427 a 277_, pero esta melloría aínda non abonda, na opinión das autoridades sanitarias, para levantar ou reducir as restricións. Todos os concellos de Bergantiños están evolucionando ben, sobre todo Malpica e A Laracha, polo que non se descarta que nestes dous poida haber cambios xa o venres.