Inicio Carballo ao día Hemeroteca “Os xoguetes non teñen sexo. Non llelo...

“Os xoguetes non teñen sexo. Non llelo poñas ti”, campaña da Concellaría de Igualdade a prol de agasallos non sexistas

A campaña publicitaria que arrincará esta fin de semana complementarase co reparto de máscaras reutilizables a todo o alumnado de infantil e primaria

Venres 11 de decembro do 2020 Carballo ao día

Xa están á volta da esquina as datas máis sinaladas no calendario infantil, e un ano máis dende a Concellaría de Igualdade queremos lembrar a importancia de escoller xoguetes que non contribúan a perpetuar a desigualdade no reparto de funcións segundo o sexo, senón optar por aqueles que permitan aos nenos e nenas medrar en igualdade e libres de condutas sexistas.

Queremos que Carballo sexa un concello libre de sexismo e de violencias, e por iso convidamos ás familias a realizar unha elección dos xoguetes consciente e comprometida coa igualdade e contra a belicosidade. Para que a mensaxe chegue a toda a veciñanza, esta fin de semana arrincará unha campaña de sensibilización que ten como lema “Os xoguetes non teñen sexo. Non llelo poñas ti”, que inclúe accións en medios de comunicación e distribución de cartelería en establecementos comerciais. Aínda que se fará un reparto enfocado ás tendas relacionadas coa infancia, se algún negocio está interesado pode poñerse en contacto con nós a través do enderezo electrónico comunicacion@carballo.gal.

Aínda que se fará un reparto enfocado ás tendas relacionadas coa infancia, se algún negocio está interesado pode poñerse en contacto con nós a través do enderezo electrónico comunicacion@carballo.gal.

A Concellaría de Igualdade, que conta coa colaboración do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o desenvolvemento desta iniciativa, convida ás familias a reflexionar sobre os factores que inflúen na elección dos xoguetes por parte dos nenos e as nenas. O problema non é que os nenos e as nenas prefiran actividades diferentes, senón que se lles limite a unha actividade dependendo do seu sexo e, sobre todo, que se lle dea menos valor ao vinculado coas nenas e ao feminino.

Dentro das actividades financiadas polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, neste Nadal tan atípico, sobre todo para os nenos e nenas, dende a Concellaría de Igualdade e Benestar queremos agradecer o seu comportamento durante toda a pandemia e valorar a súa capacidade de adaptación cun pequeno agasallo vinculado a esta época COVID-19 que nos toca vivir. Deste xeito, nos vindeiros días distribuiremos nos colexios máscaras infantís co lema “Construíndo igualdade” aos máis de 2.500 alumnos e alumnas de infantil e primaria do noso concello.

Compartir: