Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Unidade de Condutas Adictivas de Carballo...

A Unidade de Condutas Adictivas de Carballo impulsa un programa pioneiro de dispensación domiciliaria de metadona

O protocolo permite que pacientes de toda a Costa da Morte que teñan que estar confinados sigan recibindo o seu tratamento grazas á colaboración de centros de saúde e concellos

Venres 11 de decembro do 2020 Carballo ao día

A Unidade de Condutas Adictivas (UCA) de Carballo está a traballar cun protocolo de dispensación domiciliaria de metadona co obxectivo de evitar que os pacientes que deban permanecer confinados nos seus domicilios por COVID-19 ou por ser contactos estreitos dun positivo de coronavirus vexan interrompido o seu tratamento. Grazas a esta iniciativa, pioneira en Galicia, e á colaboración tanto dos centros de saúde coma dos concellos, pacientes de toda a Costa da Morte poden seguir recibindo o seu tratamento con derivados opiáceos e/ou outros psicofármacos que antes se lles dispensaba na propia UCA.

Despois dunha experiencia piloto en Carballo, na que colaboraron tanto a Concellaría de Igualdade, Benestar e Sanidade coma o Servizo Municipal de Protección Civil, no mes de setembro iniciouse unha rolda de contactos co persoal técnico e os/as responsables políticos/as dos servizos sociais dos outros 14 concellos da área de influencia da UCA para solicitar a súa colaboración e establecer as pautas de funcionamento do protocolo. “A implicación foi absoluta”, destaca a directora da UCA, Lourdes Suárez, de xeito que dende o primeiro momento creouse unha rede formada por persoal de Servizos Sociais, Protección Civil, Policía Local e mesmo responsables políticos que, cando non é posible que o faga unha persoa da familia do/a paciente, encárganse recollida do tratamento no centro de saúde de referencia e da súa entrega no domicilio.

Agás que a situación clínica non o faga aconsellable, o/a paciente recibe o tratamento correspondente a todo o confinamento. Dende a UCA, en coordinación do persoal médico de atención primaria, realízase un seguimento da evolución do/a paciente durante o tempo que debe permanecer illado/a no seu domicilio.

Adaptación á situación de emerxencia

A Unidade de Condutas Adictivas foi un dos servizos esenciais que permaneceu en activo durante o estado de alarma, e, dado que xa contaba con material de protección sanitaria adquirido dende antes da declaración, foi posible traballar con relativa normalidade dende o primeiro momento. “A unidade sempre estivo aberta, traballamos todos os profesionais, nalgúns momentos por quendas, pero os pacientes foron atendidos en todo momento”, subliña a directora da UCA.

Ademais da utilización de máscaras ou hidroxel dende o primeiro momento, o Concello de Carballo instalou mamparas nas zonas de atención ao público ou lavamáns nos despachos, ademais de encargarse da limpeza e desinfección. A nivel asistencial foron adaptándose as consultas á evolución da pandemia ata recuperar practicamente a normalidade.

Nestes momentos, o consumo de cocaína, a ludomanía e a dependencia alcohólica destacan entre os/as novos/as pacientes, que son derivados polos seus médicos/as de familia e as unidades de saúde mental de Carballo e Cee, pero na UCA trátanse todo tipo de adiccións. As persoas que precisen información concreta poden dirixirse á Unidade de Condutas Adictivas, situada na Praza do Médico Eduardo Mariño (antigo ambulatorio, xunto ao centro de saúde de Carballo) previa cita no teléfono 981 756 275.

Compartir: