Inicio Carballo ao día Hemeroteca Evencio Ferrero fai unha chamada á...

O CONCELLO PASA DO NIVEL MÁXIMO DE RESTRICIÓNS AO BÁSICO

Evencio Ferrero fai unha chamada á responsabilidade cidadá ante o inminente levantamento do peche perimetral de Carballo

O alcalde presidiu hoxe a comisión municipal de seguimento da COVID-19 e participou nunha xuntanza supracomarcal coas autoridades sanitarias

Mércores 16 de decembro do 2020 Carballo ao día

Xuntanza telemática entre concellos e autoridades sanitarias

Xuntanza telemática entre concellos e autoridades sanitarias

A Xunta de Galicia vén de anunciar o levantamento do peche perimetral establecido no noso concello, ben en conxunto con outros concellos da comarca ou ben en solitario, dende hai xa máis dun mes. Carballo acadou o 23 de novembro o pico de casos activos de COVID-19, con 191, mentres que a día de hoxe, segundo os datos facilitados polo Sergas, temos 48, case catro veces menos.

A falta da publicación oficial no DOG, na xuntanza telemática que mantiveron hoxe alcaldes e alcaldesas dos concellos da Costa da Morte coas autoridades sanitarias confirmouse que o noso concello pasará a partir de mañá do nivel máximo de restricións ao básico, o que, ademais da eliminación do peche perimetral, implica outras medidas. As máis relevantes afectan á hostalaría, que poderá ampliar o seu horario de apertura ata as 23:00 horas, atender no interior cun 50% do aforo pero sen barra, e no exterior cun 75%. E, ademais, tanto na hostalaría como en calquera outra actividade en espazos abertos ou pechados poderán reunirse ata 6 persoas non conviventes (dúas máis que agora).

O levantamento do peche perimetral supón que temos liberdade de movemento, dentro de Galicia, a outros concellos que tamén estean no nivel básico, pero non se pode acceder a concellos perimetrados, como Arteixo, A Coruña ou Santiago, agás polas causas xustificadas que especifica a normativa vixente.

Seguimento da pandemia

Comisión de seguimento da COVID-19

Comisión de seguimento da COVID-19

O alcalde de Carballo pediu ás autoridades sanitarias que, malia o levantamento das severas restricións vixentes ata hoxe, continúen achegando datos diarios de casos activos para facilitar o seguimento da pandemia tamén a nivel municipal. Así mesmo, Evencio Ferrero fixo unha chamada á cidadanía a respectar as medidas de prevención necesarias para evitar que o noso concello volva a situarse en niveis tan preocupantes de propagación do coronavirus como os de semanas atrás.

Nese sentido, na xuntanza que celebrou tamén hoxe a comisión municipal de seguimento da COVID-19, o alcalde solicitou tanto da Garda Civil coma da Policía Local un seguimento continuado do cumprimento das normas.

Na mesma reunión acordouse a reapertura dos parques infantís, que se materializará entre hoxe e mañá, e decidiuse elaborar un protocolo de actuación de cara á celebración das cabalgatas de Reis, tanto na zona urbana coma nas parroquias.

Con respecto ás festas de Nadal, a Xunta de Galicia vén de establecer unha serie de normas de aplicación en toda a comunidade autónoma. As máis relevantes son as seguintes:

  • A comunidade autónoma de Galicia estará pechada perimetralmente dende o 23 de decembro ata o 6 de xaneiro.
  • Manterase o toque de queda entre as 23.00 e as 06.00 horas, agás os días 24 e 31 de decembro, que será de 01.30 a 06.00 horas.
  • Nas reunións familiares recoméndase a participación dunha única unidade de convivencia. No caso de que sexan dúas ou tres só se permitirá a participación de 6 persoas maiores de 10 anos. As menores desa idade non computarán.

Ligazóns

Compartir: