Inicio Carballo ao día Hemeroteca A BDT ten en marcha unha campaña de...

A BDT ten en marcha unha campaña de actualización de datos das persoas usuarias, que xa son máis de 4.500

Esta semana rematou o envío de cartas a todas as persoas inscritas ata o ano pasado coa finalidade de poñer ao día os seus currículos e facilitarlles así o emprego

Xoves 17 de decembro do 2020 Carballo ao día

A BDT está no segundo andar do edificio administrativo do Fórum Carballo

A BDT está no segundo andar do edificio administrativo do Fórum Carballo

A Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo ten en marcha unha campaña de actualización dos datos das persoas usuarias do servizo, que vén de cumprir xa oito anos en funcionamento. Esta mesma semana rematou o envío de cartas a todas as persoas inscritas con anterioridade ao ano 2020, un total 4.500, coa finalidade de proceder a esa actualización.

Para que a BDT poida acadar o seu obxectivo de facilitar a inserción ou a mellora laboral, por unha banda, e a busca dos perfís máis axeitados ás necesidades das empresas, pola outra, é imprescindible que os datos que facilitan as persoas usuarias na primeira entrevista permanezan actualizados. Cando iso non sucede, o proceso de intermediación é máis lento e menos eficaz, posto que para cada oferta é preciso determinar o perfil, realizar as buscas precisas entre os/as usuarios/as, contactar coas persoas preseleccionadas e comprobar a súa dispoñibilidade.

A BDT non quere ser unha base de datos senón unha ferramenta dinámica, flexible e aberta a modificacións que facilite as insercións laborais máis axustadas ao que buscan tanto os/as empregadores/as coma os/as empregados/as. Debido a ese concepto diferenciador, a Bolsa de Traballo do Concello de Carballo non está conectada cos servizos de emprego autonómico e/ou estatal, senón que funciona de maneira autónoma e cun sistema propio, precisamente para facer posible o labor de intermediación da forma máis rápida, eficaz e satisfactoria para as partes.

Manter o currículum ao día tamén denota interese e profesionalidade por parte da persoa demandante de emprego ou dunha mellora laboral. Por si, se es usuario/a da BDT, colabora na campaña de actualización de datos. Envíanos os datos que queiras modificar, xunto cos novos títulos, diplomas ou informe de vida laboral a través do enderezo electrónico bdt@carballo.gal ou pide cita nos teléfonos 981709010-981709011 para achegarte ata as nosas instalacións, no segundo andar do edificio administrativo do Fórum Carballo.

Compartir: