Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 30 nenos e nenas...

Máis de 30 nenos e nenas participarán a partir do luns 21 de decembro na versión virtual do proxecto “A vila do mañá”

As actividades desenvolveranse ao longo das vacacións de Nadal, con propostas para realizar na casa e tamén ao aire libre

Sábado 19 de decembro do 2020 Carballo ao día

Cada participante recibirá unha caixa coma esta

Cada participante recibirá unha caixa coma esta

Un total de 32 nenas e nenos de seis a doce anos participarán na versión virtual do proxecto “A vila do mañá”, unha proposta da arquitecta Sandra González que impulsamos dende a Concellaría de Mobilidade para tratar de implicar á infancia no deseño do Carballo do futuro. No verán do 2018 xa realizamos unha primeira experiencia cunha chea de actividades grupais ao aire libre, pero a situación sanitaria actual obriga a reformular a proposta, de maneira que aínda que tamén se farán actividades nas rúas, con grupos moi reducidos, a maior parte do programa desenvolverase nos fogares.

Os nenos e nenas participantes poderán recoller mañá luns pola tarde as caixas máxicas de “A vila do mañá”, que inclúen o material necesario para o traballo que se vai levar a cabo nas vindeiras semanas. As caixas estarán a disposición das familias inscritas na Biblioteca Rego da Balsa. No seu interior atoparán tamén as claves para acceder á área privada da páxina web aviladomañá.com, que será a ágora virtual na que se atoparán a diario o equipo multidisciplinar do proxecto e os/as participantes.

Haberá actividades que os/as participantes deberán realizar tanto dentro coma fóra da casa. Carballo converterase este Nadal nun taboleiro de xogo semellante ao do xogo da oca, pero conformado por aqueles elementos arquitectónicos, urbanísticos, paisaxísticos e culturais que configuran a nosa vila. “É importante _apunta Sandra González_ que dende pequenos coñezamos o valor do noso hábitat para o día de mañá ser conscientes da súa valía e saber coidalo, por iso unha parte importante do proxecto é a divulgación do valor artístico e histórico onde se desenvolven os talleres, para elo créase un caderniño con estas pezas fundamentais na historia das vilas e cidades que traballamos, que terá por título nesta edición: Dálle cor a Carballo”.

Compartir: