A Xunta de Goberno Local aproba de xeito inicial o plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados-Razo
O documento, que aborda a ordenación integral dun ámbito de máis de 300.000 metros cadrados, someterase a información pública durante dous meses
Luns 21 de decembro do 2020 Carballo ao día
Ámbito de actuación
A ordenación dos principais núcleos costeiros do noso concello está máis próxima. Hoxe a Xunta de Goberno Local deu un paso moi importante coa aprobación inicial do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados-Razo, cuxo obxectivo é a ordenación integral dunha superficie que, tras os reaxustes realizados ao longo da tramitación, acada 313.171 metros cadrados de solo rústico entre o núcleo de Razo da Costa e o monte Peados, aproximadamente.
A elaboración do documento foi laboriosa, xa que, por unha banda, ten que cumprir os obxectivos establecidos no Plan de Ordenación do Litoral (POL) para esa zona, preservar o medio ambiente do litoral costeiro, os espazos naturais e a paisaxe, e recuperar e protexer as áreas degradadas e os areais; mentres que, por outra, o plan debe prever as dotacións, infraestruturas e redes de servizos suficientes para o desenvolvemento dese ámbito. Nese sentido, delimítanse e ordénanse de xeito integral as zonas susceptibles de acoller usos propios de espazos libres, actividades deportivas, accesos ás praias ou aparcadoiros.
Paralelamente levouse a cabo o estudo de detalle da fachada litoral de Arnados, que foi aprobado xa definitivamente.
Obxectivos e previsións
Máis dun terzo da superficie total do ámbito do plan especial forma parte da Rede Natura 2000. Nese sentido, un dos obxectivos marcados dentro das accións de recuperación medioambiental e paisaxística é a eliminación do tráfico rodado e dos aparcamentos do borde litoral. Neste sentido, na vía paralela á praia, na que se producen desprendementos constantes, o plan establece a supresión do tráfico rodado e crearase unha senda peonil e ciclista.
Dentro do traballo incluíuse un estudo da demanda de aparcamento, segundo o cal no momento de maior afluencia contabilízanse máis de 1.000 vehículos, que se sitúan nunha bolsa de aparcadoiro localizada no fronte marítimo a carón da praia (300 prazas), nas vías públicas (200 prazas), en dúas parcelas privadas (400 prazas) e mesmo nas zonas máis sensibles do espazo trasdunar e dunar. O plan especial propón substituír esas bolsas de estacionamento por dous novos aparcadoiros permanentes con capacidade para 468 e 1.084 vehículos, superando a dotación actual, que estarían situadas fóra da zona de dominio público terrestre e da zona de protección, próximos ao ámbito reservado para equipamentos deportivos.
O plan especial propón substituír as bolsas de estacionamento existentes por dous novos aparcadoiros permanentes con capacidade para 468 e 1.084 vehículos, superando a dotación actual
As dotacións localízanse na banda delimitada polas liñas de 100 e 200 metros dende o litoral. En concreto, o plan especial prevé a implantación de varias zonas verdes que se situarán na zona occidental do ámbito, formando cinco áreas diferenciadas que suman un total de 21.250 metros cadrados, e nas que poderá dedicarse unha pequena porcentaxe da superficie a miradoiros, pistas deportivas descubertas ou áreas de xogos.
Tamén se proxectan catro áreas de equipamento, tres de carácter público cunha superficie total de 25.549 metros cadrados, nos que se podería emprazar un campo de fútbol que servirse de alternativa ao actual, e unha cuarta de carácter privado de 671 metros que se corresponde cunha escola de surf. O plan determina que os usos construtivos deben situarse fóra desa zona.
Dentro das accións de recuperación medioambiental e paisaxística necesarias para as áreas degradadas, ademais de eliminar o tráfico rodado e os aparcadoiros das zonas máis sensibles, prevese acoutar as zonas de tránsito peonil e eliminar as especies invasoras. O plan especial incorpora, neste sentido un estudo de impacto e integración paisaxística baseado nas diferentes normativas de rango superior que son de obrigado cumprimento nese ámbito.
Ao longo de toda a tramitación tiveron especial importancia os procesos de participación e información pública. A partir da publicación do documento aprobado inicialmente abrirase un período de información pública de dous meses durante o cal poderán presentarse alegacións. Ao mesmo tempo notificarase individualmente a todas as persoas e formularanse as consultas preceptivas ante os organismos e as administracións de rango superior, que teñen a última palabra.