Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta completará a senda peonil e...

A Xunta completará a senda peonil e ciclista ata Coristanco, na que o Concello xa instalou os servizos urbanos

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, o delegado provincial da Xunta e o alcalde de Carballo achegáronse hoxe ata a zona das obras

Martes 22 de decembro do 2020 Carballo ao día

O Concello de Carballo rematou en maio as obras de dotación de servizos urbanos no itinerario peonil e ciclista da AC-552, entre os quilómetros 32+620 e 34+480, que consistiron na instalación de canalizacións de electricidade, telecomunicacións, abastecemento de auga, saneamento e alumeado público en ámbalas marxes da estrada. Despois deste investimento, que acadou os 395.335,28 euros, hoxe a Xunta de Galicia inicia o procedemento de contratación das obras que completarán esta actuación, que consistirán na instalación da rede de augas pluviais, a pavimentación e o axardinamento, cun orzamento de 1.117.335,15 euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, achegouse hoxe ata a zona das obras acompañada polo delegado provincial da Xunta, Gonzalo Trenor; os alcaldes de Carballo, Evencio Ferrero, e Coristanco, Juan García, e outros membros da corporación municipal.

O novo itinerario peonil e ciclista completará a rede de sendas realizadas pola Xunta de Galicia na comarca de Bergantiños. Esta actuación permitirá mellorar a mobilidade e a seguridade dende a saída do núcleo urbano de Carballo ata o inicio das beirarrúas de Coristanco. Na marxe esquerda acondicionaranse 1,9 quilómetros de senda, mentres que pola dereita o itinerario será de 600 metros, ata a fábrica de Calvo. Ademais, construirase unha pasarela acaroada á ponte do río.

As empresas teñen de prazo ata o 26 de xaneiro para presentar as ofertas. A conselleira avanzou que o obxectivo é que os traballos arrinquen a finais da primavera e que estean rematados a principios do ano 2022.

Ligazóns

Compartir: