Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local aprobou un investimento...

A Xunta de Goberno Local aprobou un investimento de 371.815 euros no programa Concilia para os vindeiros catro anos

Aprobado o expediente de contratación do servizo, que leva 14 anos facilitando a conciliación a centos de familias carballesas

Martes 22 de decembro do 2020 Carballo ao día

O programa Concilia cumpriu 14 anos en novembro. Grazas a esta iniciativa da Concellaría de Igualdade e Benestar foi posible facilitar ao longo de todo este tempo a conciliación da vida laboral e familiar de centos de nais e pais do alumnado dos centros de infantil primaria. E froito dese compromiso coas familias vimos de aprobar en Xunta de Goberno Local o expediente de contratación do servizo para os vindeiros catro anos por un importe total de 371.815,08 euros.

O programa Concilia, xestionado dende o Centro de Información á Muller (CIM), funciona dende as 07.00 horas ata o comezo das clases durante todo o curso escolar, incluídos os períodos vacacionais recollidos no calendario académico. As familias teñen a posibilidade de adaptar o horario ás súas necesidades, e mesmo de incluír o almorzo como unha das oposicións.

O servizo funciona actualmente nos colexios Fogar e Bergantiños, pero dende a Concellaría de Igualdade e Benestar ofrécese a posibilidade de implantalo en calquera outro centro no que exista un número mínimo de usuarios/as. Este ano, debido á crise sanitaria derivada da COVID-19, estableceuse por primeira vez un número de prazas limitado e suprimiuse a opción de utilizar o servizo en días soltos, contribuíndo deste xeito a crear grupos estables e reducidos e a minimizar o risco de contacto e, polo tanto, de contaxio.

Á hora de adxudicar o servizo terase en conta tanto a oferta económica coma a programación de actividades ou a preparación técnica e a experiencia do persoal. O contrato realizarase por un ano, prorrogable ata un máximo de catro. O prezo anual será de 88.527,40 euros.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou esta semana o expediente de contratación do servizo de asesoría xurídica do CIM por un ano prorrogable ata un máximo de catro e un prezo anual de 17.579,67 euros.

Compartir: