O Concello de Carballo investiu no primeiro trimestre máis de 100.000 euros en obras de mellora de centros escolares
O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, visitaron as actuacións realizadas nos colexios San Luís Romero e A Cristina
Mércores 23 de decembro do 2020 Carballo ao día
Aseos pavillón CEIP A Cristina
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Educación, Mar Eirís, quixeron coñecer de primeira man o resultado das obras de mellora realizadas neste primeiro trimestre nos colexios Xesús San Luís Romero e A Cristina, e aproveitaron os días previos ao comezo das vacacións de Nadal para achegarse ata ámbolos dous centros.
Biblioteca CEIP San Luís Romero
No primeiro continuamos estendendo o pavimento de tarima flotante. O ano pasado colocouse nas aulas de infantil, favorecendo o uso de zapatillas entre a rapazada, e este curso ampliouse a zonas comúns como a biblioteca e a aula de música. Xunto a este investimento, que acadou os 9.389,60 euros, neste primeiro trimestre tamén foi posible atender a demanda da comunidade educativa do CEIP Plurilingüe A Cristina para dotar de aseos o polideportivo mediante a construción dunha edificación acaroada con acceso directo dende o pavillón, cun orzamento de 47.876,78 euros.
Así mesmo, xa está operativo o novo acceso ao pavillón do CEIP Fogar tras realizar un investimento de 53.215,80 euros. Neste caso aproveitouse un espazo libre que había entre a edificación e o muro de peche para crear unha nova zona de acceso e vestíbulo, ademais de varios almacéns para uso do centro.
Todas estas actuacións, que entraron en servizo ao longo do trimestre, sumáronse á reforma integral da escola unitaria de Cances, que se executou durante o verán cun orzamento de 17.787 euros e que permitiu que os nenos e nenas estreasen en setembro unha aula totalmente renovada e moito máis accesible.