PRECISAS UN FUNIL? PODES RECOLLELO DE BALDE NO CONCELLO
Os 18.303 quilos de aceite recollidos o ano pasado en Carballo evitaron a contaminación de 20 millóns de litros de auga
Dende as concellarías de Medio Ambiente e Servizos continuaremos potenciando a recollida selectiva dun residuo especialmente contaminante
Xoves 7 de xaneiro do 2021 Carballo ao día
O último colector de aceite instalouse en Sofán
Dende a entrada en servizo do actual sistema de recollida de aceite de cociña usado, en agosto do 2018, a media mensual non parou de medrar, e sitúase nestes momentos nos 1.317 quilos. O ano pasado, segundo os datos facilitados polo xestor autorizado que presta o servizo, a veciñanza do noso concello depositou nos colectores específicos un total de 18.303 quilos de aceite, o que permitiu evitar a contaminación de 20.133.300 litros de auga.
Nestes momentos hai 30 puntos de recollida, a maior parte distribuídos polos distintos barrios do casco urbano. Pero a experiencia piloto que iniciamos en Razo, Pedra do Sal e Berdillo tamén se estende polas parroquias a petición da veciñanza, e nestes momentos tamén hai colectores na Feira de Berdillo-Artes, Imende-Noicela, Xoane-Goiáns, Ardaña, Sísamo e Sofán.
Se precisas un funil adaptable pídeo no Concello
Unha das vantaxes deste novo sistema é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día. A recollida nos novos colectores vai dirixida aos fogares. As familias deben depositar o aceite de cociña usado en botellas de plástico reutilizadas e pechadas. A utilización é moi desigual duns puntos a outros: os máis utilizados na zona urbana son os situados xunto a supermercados e ao Mercado Municipal, e na zona rural o que máis uso ten é o de Berdillo.
Para facilitar o depósito, desde o Concello de Carballo ofrecemos á veciñanza funís adaptables ás botellas que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na Casa do Concello (departamento de Medio Ambiente).