Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Igualdade e Benestar...

A Concellaría de Igualdade e Benestar distribúe 1.200 máscaras reutilizables entre todo o alumnado de ESO

Despois do reparto realizado antes do Nadal nos centros de infantil e primaria, á volta das vacacións seguimos “Construíndo igualdade”

Venres 8 de xaneiro do 2021 Carballo ao día

A Concellaría de Igualdade e Benestar de Carballo repartirá a vindeira semana, coincidindo coa volta ás aulas na totalidade dos centros, a distribución de 1.200 máscaras homologadas, reutilizables e fabricadas en Carballo entre todo o alumnado de ESO. Antes do Nadal xa se realizou un primeiro reparto de máis de 2.500 mascarillas entre os nenos e nenas de infantil e primaria, e, grazas á colaboración dos centros educativos, neste novo ano seguiremos achegando á rapazada un elemento básico de protección fronte á COVID-19.

Con esta iniciativa, a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, pretende que, ademais dunha función sanitaria imprescindible nestes momentos, as máscaras tamén teñan un dobre obxectivo social: por unha banda, reducindo o gasto que as familias teñen que realizar para poder dotar aos nenos e nenos da protección necesaria fronte á COVID-19, e, por outra, utilizando ese elemento tan visible para difundir mensaxes que permitan crear conciencia contra as desigualdades xa dende a infancia. Deste xeito, as máscaras que se están a repartir, tanto en infantil e primaria coma en ESO, levan o lema “Construíndo igualdade”, xunto con dúas pezas de crebacabezas.

Dende a Concellaría de Igualdade e Benestar, unha vez máis, facemos un chamamento á sociedade carballesa para que nos traslade calquera situación de necesidade que poida sufrir directamente ou da que teña constancia, e será atendida de maneira confidencial. O teléfono 981 704 706 está á vosa disposición.

Compartir: