Xa temos gañadoras das tres viaxes da campaña “Este Nadal en Carballo”!
As afortunadas poderán desfrutar dos seus premios ao longo deste ano, cando a situación sanitaria o permita
Martes 12 de xaneiro do 2021 Carballo ao día
O sorteo celebrouse no Museo de Bergantiños
“Este Nadal en Carballo” tivo moitos premios! Os últimos sorteámolos hoxe no Museo de Bergantiños, nun acto no que participaron a concelleira de Normalización Lingüística, Mocidade e Festas, Maruxa Suárez Cotelo, e persoal da Concellaría de Promoción Económica,e consistiron en tres viaxes para dúas persoas cada un, con transporte e aloxamento en réxime de media pensión. E estas foron as gañadoras:
- Viaxe a Tenerife: Laura Gerpe Rial
- Viaxe a Gran Canaria: Estrella Quintela Ramos
- Viaxe á Costa da Sol: Ángela Domínguez Bardanca
As compras en Carballo semellan cousa de mulleres, porque, ademais das tres premiadas, tamén o son as cinco suplentes: Rosa María Varela Pita, Raquel Cotelo Torres, Ana Álvarez Rial, Paula Pastoriza García e María Isabel Suárez Negreira, ás que se iría convocando, por esta orde, no caso de que algunha das premiadas renunciase.
A concelleira de Normalización Lingüística felicitou ás gañadoras e agradeceu a aposta da cidadanía polo comercio local, como demostra a elevada participación no sorteo. O único requisito que se pedía era presentar nos puntos de validación un tíquet de calquera establecemento local por un importe mínimo de 30 euros.
Agora hai que agardar a que a situación sanitaria permita ás afortunadas desfrutar do seu premio e que poidamos poñer un pequeno gran de area para a reactivación do sector das axencias de viaxes, un dos máis castigados pola crise do coronavirus.