AS NOVAS MEDIDAS ANTI COVID-19 ENTRAN EN VIGOR A PRÓXIMA MADRUGADA
A Xunta de Galicia decreta o máximo nivel de restricións para Carballo, que volve a quedar pechado perimetralmente
Evencio Ferrero participou hoxe, xunto con outros dez alcaldes e alcaldesas da área sanitaria A Coruña-Cee, nunha xuntanza telemática coa Consellería de Sanidade
Xoves 14 de xaneiro do 2021 Carballo ao día
O alcalde, na xuntanza telemática de hoxe
Evencio Ferrero participou hoxe nunha xuntanza telemática entre a Consellería de Sanidade e os alcaldes e alcaldesas dos 11 concellos da área sanitaria A Coruña-Cee nos que a Xunta de Galicia vén de establecer o máximo nivel de restricións fronte á COVID-19: Arteixo, Camariñas, Cambre, Carballo, Cee, Cerceda, A Coruña, Culleredo, Laxe, Oleiros e Vimianzo. Con 94 casos activos a día de hoxe e unha incidencia superior a 250 por 100.000 habitantes, o noso concello é nestes momentos o que menor incidencia ten dos 11, pero a suficiente, dende o punto de vista das autoridades sanitarias, como para aplicar as medidas preventivas máis restritivas, que entran en vigor a partir das 24.00 horas de hoxe xoves.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte pola noite o decreto polo que se adoptan novas medidas para facer fronte á crise sanitaria en Galicia, que son as seguintes:
- Queda restrinxida a entrada e saída de persoas de varios concellos, entre eles o de Carballo, que quedará perimetrado individualmente.
- Recoméndase restrinxir ao máximo a interacción social e que os encontros queden limitados unicamente á unidade de convivencia. Os grupos de persoas, tanto en espazos públios coma privados, quedará limitada a un máximo de 4 persoas, agás que se trata de conviventes.
- A capacidade dos lugares de culto redúcese a un terzo.
- A mobilidade nocturna queda prohibida de 22.00 a 06.00 horas, agás por causa xustificada.
Así mesmo, o DOG publica a orde cunha serie de modificacións con respecto á do pasado 3 de decembro, que son as seguintes:
- Establécese para toda Galicia o nivel de restricións medio-alto previsto na Orde do 3 de decembro, agás para aqueles nos que rexerá o nivel máximo, coma Carballo.
- Os centros e parques comerciais deberán de dispoñer de sistemas ou dispositivos que permitan coñecer, en todo momento, o número de persoas usuarias existente no seu interior, así como o control do aforo máximo permitido nas citadas instalacións, que non superará o 30%.
- Todo o comercio pechará, como moi tarde, ás 21.30 horas.
- No transporte público procurarase a máxima ventilación do vehículo, ademais de realizar polo menos unha desinfección diaria.
Con respecto á hostalaría, a Xunta de Galicia opta por manter o horario de peche ao público nas 18.00 horas, que fora establecido durante o Nadal para os concellos no nivel máximo de restricións, e unicamente permite utilizar as terrazas nese horario, é dicir, non se poderá servir no interior dos locais. De 18.00 a 21.30 horas os establecementos poderán atender pedidos para levar, e ata as 24.00 horas poderá funcionar o servizo a domicilio.
As autoridades sanitarias insistiron hoxe en que as limitacións de mobilidade “deben ser as máximas posibles” e indicaron que o establecemento de peches individuais por concellos obedecen a que as denominadas “améndoas” (peches conxuntos de varios concellos) non funcionaron. Neste sentido, recalcaron que non se permite ir dun concello a outro para ningunha actividade que non sexa esencial, e que sempre debe estar debidamente xustificada.