Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo impulsa o Coworking para...

O Concello de Carballo impulsa o Coworking para seguir apoiando iniciativas emprendedoras nestes tempos de crise

No espazo de traballo colaborativo situado no Fórum Carballo están a desenvolverse nestes momentos 11 iniciativas nas que participan 15 coworkers da Costa da Morte

Luns 18 de xaneiro do 2021 Carballo ao día

No Coworking están a desenvolverse neste momento 11 proxectos emprendedores

No Coworking están a desenvolverse neste momento 11 proxectos emprendedores

A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza de hoxe unha addenda ao convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña para o financiamento dun espazo de traballo colaborativo no Fórum. Dadas as dificultades para a posta en marcha do servizo, xa que coincidiu coa declaración do estado de alarma de marzo do 2020, mediante a addenda aprobada hoxe amplíase a vixencia do convenio ata o 30 de abril do 2021.

O Concello de Carballo está a realizar unha importante aposta polo Coworking, un espazo de traballo compartido ideado para impulsar a creación, posta en marcha e consolidación de empresas vinculadas, preferentemente, aos ámbitos “da cultura, as novas tecnoloxías, a rexeneración urbana, o benestar e os servizos ás persoas, sector audiovisual, turismo ou investigación e iniciativas que formen parte da economía social”. Nese sentido, á marxe do convenio de colaboración, a Concellaría de Promoción Económica está a impulsar o proxecto con novas accións que permitan seguir apoiando o emprendemento no noso concello e no ámbito da Costa da Morte.

Na actualidade, no Carballo Coworking estanse a desenvolver 11 iniciativas empresariais nas que traballan 15 coworkers procedentes de diferentes municipios da Costa da Morte como Camariñas, Muxía, Zas, Ponteceso e, na súa maior parte, Carballo

Entre os/as usuarios/as do noso espazo de traballo colaborativo atópanse 7 emprendedores, que, ben de forma individual ou en grupo, están a traballar en 5 ideas/ proxectos, aínda en fase de preincubación, destinadas á creación de empresas, na súa maioría enfocadas ao benestar e servizos ás persoas (asesoría empresarial, consultoría…), iniciativas que forman parte da economía social, cultura, novas tecnoloxías e audiovisual. Nestes sectores tamén se moven maioritariamente as 6 novas empresas, nas que traballan 8 autónomos/as, cunha antigüidade non superior a dous anos de exercicio empresarial (fase de incubación), e que no coworking non só desfrutan da posibilidade de dispoñer dun local, senón tamén dunha serie de servizos e infraestruturas que contribúen a mellorar as súas posibilidades de éxito.

Servizos e contacto

Ademais dos 156 metros cadrados habilitados para un total de 18 postos de traballo,  as persoas usuarias do coworking teñen á súa disposición un auditorio con capacidade para 100 persoas para actos públicos ou presentación; unha aula de formación, tamén destinada a sala de xuntanzas, sala de intercambio de experiencias e ideas, etc; zonas comúns (vestíbulo de acceso, recepción e zona de administración e área de descanso); acceso a medios audiovisuais, conexión a internet de alta velocidade por cable e wifi.

Se queres ocupar un dos sete postos que temos dispoñibles para levar a cabo a túa idea de negocio ou dar os primeiros pasos como autónomo/a, achégate e infórmate. O Carballo Coworking está aberto de luns a venres en horario continuado de 09.00 a 19.00. Tamén podes informarte en coworkingcarballo.gal ou chamando aos teléfonos 661 064 895 /  881 983 520.

Compartir: