A Concellaría de Igualdade completou o reparto de máis de 4.000 máscaras reutilizables entre toda a poboación escolar
As máscaras inclúen os lemas “Construíndo igualdade” e “Contra as violencias” para cumprir tamén un labor de sensibilización social
Mércores 20 de xaneiro do 2021 Carballo ao día
Daniel Díaz Rama foi o primeiro en recibir a mascarilla infantil
A Concellaría de Igualdade e Benestar completou o reparto de máscaras homologadas, reutilizables e fabricadas en Carballo entre toda a poboación escolar do noso concello. Nos últimos dous meses foron distribuídas máis de 4.000 entre infantil, primaria, ESO e Bacharelato, grazas á colaboración de todos os centros A Cristina, Fogar, Bergantiños, Xesús San Luís Romero, Gándara-Sofán, Nétoma-Razo, CRA Ponte da Pedra, Artai, Alfredo Brañas, Monte Neme, Isidro Parga Pondal e tamén no Canosa-Rus, onde máis do 80% do alumnado é carballés.
Con esta iniciativa pretendemos que, ademais dunha función sanitaria imprescindible nestes momentos, as máscaras cumpran un dobre obxectivo social: por unha banda, reducindo o gasto que as familias teñen que realizar para poder dotar aos nenos e nenos da protección necesaria fronte á COVID-19, e, por outra, utilizando ese elemento tan visible para difundir mensaxes que permitan crear conciencia contra as desigualdades xa dende a infancia. Deste xeito, as máscaras repartidas levan os lemas “Construíndo igualdade”, para infantil, primaria e ESO, e “Contra as violencias”, en 4º da ESO e Bacharelato.
Dende a Concellaría de Igualdade e Benestar, unha vez máis, facemos un chamamento á sociedade carballesa para que nos traslade calquera situación de necesidade que poida sufrir directamente ou da que teña constancia, e será atendida de maneira confidencial. O teléfono 981 704 706 está á vosa disposición.