O Concello de Carballo pon en marcha o servizo integral de mantemento da rede viaria municipal
No período 2020-2024 reforzaremos o investimento na conservación e reparación dos firmes, a roza e a sinalización das vías urbanas e rurais
Mércores 20 de xaneiro do 2021 Carballo ao día
Bacheo na rúa Rosas
Á espera da mellora das condicións meteorolóxicas, a empresa concesionaria do servizo de conservación, mantemento e reparación das vías públicas está a realizar nos últimos días unha serie de actuacións urxentes de bacheo en toda a rede viaria municipal. O equipo de traballo está a percorrer a zona urbana empezando dende fóra cara o centro, e despois desprazarase polas parroquias. O bacheo é unha actuación provisional, xa que o contrato inclúe o mantemento integral das vías: apertura e limpeza de gabias, reparación de defectos ou danos na capa de rodaxe, asfaltados, fresados, reparación de arquetas, drenaxes... que se acometerán en canto o tempo o permita.
O contrato de servizos de conservación, mantemento e reparación das vías públicas inclúe, por unha banda, as vías das parroquias e, por outra, as urbanas. A empresa Construcciones López Cao é a encargada dos traballos, que constitúen un dos tres eixes do novo servizo integral de mantemento da rede viaria municipal, xunto coa sinalización e a roza. A estabilidade do servizo garantirase mediante contratos de ata cinco anos de duración con empresas especializadas en cada un destes ámbitos, o que permitirá atender coa maior celeridade calquera incidencia relacionada coas rúas, pistas e estradas pavimentadas de titularidade municipal. O investimento total sitúase arredor dos 2,5 millóns de euros.
Sinalización dos hidrantes do polígono
Nos últimos meses púxose en marcha tamén o servizo de conservación, mantemento, reposición e traballos de sinalización horizontal e vertical na rede viaria, do que se encarga a empresa SACYR Conservación. Entre as actuacións realizadas figuran o pintado do aparcamento do San Martiño ou a sinalización dos novos hidrantes do polígono industrial de Bértoa, no que tamén está programada a delimitación dos aparcamentos para vehículos pesados. Agora mesmo a empresa está iniciando os traballos de sinalización das contornas escolares, nas que, tal como establece a ordenanza de tráfico e define a estratexia de mobilidade do Concello de Carballo, a velocidade quedará limitada a 20 quilómetros por hora para mellorar a seguridade peonil.
O terceiro eixe é o de roza das vías, que tamén se divide en dous lotes: un para espazos de uso público e outro para vías municipais en todas as parroquias. Do primeiro encárgase a empresa de José Luis Campos Campos, encargada da roza de comas como o paseo fluvial do Anllóns, a contorna do cemiterio municipal, os aparcamentos das praias, o circuíto do motor, a Ruta das Férvedas, zonas verdes, vías e parcelas do polígono industrial de Bértoa, parcelas urbanas municipais, campos da festa de todas as parroquias e baldíos en solo rústico.
En canto á roza de vías, o contrato vén de ser adxudicado á firma Jardincelas, e está pendente a sinatura do contrato. Os traballos servirán para reforzar o servizo dos tractores municipais e para axilizar as tarefas de roza en 270,5 quilómetros de vías, tanto mecánico coma manual nas zonas precisas, coma nas contornas de postes, báculos de luminarias, contedores de lixo ou calquera outro elemento singular, así coma nos treitos nos que non sexa posible usar medios mecánicos.