Os/as propietarios/as afectados polo plan especial de Arnados tamén poden solicitar consulta individual por videoconferencia
O equipo redactor e o arquitecto municipal atenderon a 16 persoas nos dous primeiros días de funcionamento do servizo de atención a titulares de terreos incluídos no ámbito
Sábado 23 de xaneiro do 2021 Carballo ao día
Dado que a situación sanitaria non permite realizar unha presentación pública do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Razo-Arnados, dende a Concellaría de Planificación habilitouse un servizo de atención ao público de xeito individualizado coa finalidade de dar resposta ás dúbidas das persoas afectadas.
Ademais das citas presenciais, que comezaron esta semana, a partir de agora tamén poderá solicitarse consulta por videoconferencia co equipo redactor, que atende ao público os luns e os xoves, de 17.00 a 20.00 horas, no Fórum Carballo. Este xoves, primeiro día de funcionamento do servizo, xa foron atendidos/as 12 propietarios/as. Ademais, os martes de 10.00 a 12.00 horas tamén pode pedirse cita co arquitecto municipal na Oficina Técnica Municipal, pola que xa pasaron 4 propietarios/as o primeiro día.
As persoas interesadas deben pedir cita no 981704705, tanto se desexan ser atendidas na Oficina Técnica Municipal coma no Fórum Carballo, e tanto se a consulta é presencial coma telemática. En todos os casos é imprescindible achegar a notificación individual que foi remitida a cada un/ha dos/as máis de 200 afectados/as, e na que figuran os datos da parcela.
O obxectivo do Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados-Razo é a ordenación integral dunha superficie de 313.171 metros cadrados de solo rústico entre o núcleo de Razo da Costa e o monte Peados, aproximadamente. O período oficial de información pública será de dous meses a partir da publicación da aprobación inicial no Diario Oficial de Galicia (DOG), un trámite que aínda está pendente.