O goberno municipal aposta por seguir estendendo a rede de auga a todo o litoral cun novo investimento de 687.472,26 €
A única obra que se acometerá cos fondos anuais do POS+ será a ampliación do abastecemento dende o Igrexario de Lema ata a Pedra do Sal
Luns 25 de xaneiro do 2021 Carballo ao día
Foto de arquivo das obras de abastecemento a Oza e Razo
A corporación municipal aprobará no pleno ordinario de hoxe un investimento de 687.472,26 euros no abastecemento de auga á Pedra do Sal, segundo anunciou o alcalde, Evencio Ferrero. Esta será a única obra que se executará con cargo aos fondos anuais do programa provincial POS+ e que reforza a intención do goberno local de garantir neste mandato o subministro de agua a toda a zona costeira, o que suporá un investimento de máis de 3,2 millóns de euros.
No ano 2020 entrou en servizo a rede de abastecemento a Oza e Razo, á que destinamos un orzamento de case 1,7 millóns de euros financiados exclusivamente con fondos municipais. A rede arrinca do polígono industrial de Bértoa en dirección a Oza, onde chega aos lugares das Encrucilladas, Vilar do Carballo, Oza Vella, As Torres e O Rodo. Na parroquia de Razo presta servizo aos habitantes de Vilar de Cidre, Nétoma, Razo da Costa, Santa Mariña e Arnados.
A extensión do abastecemento polo territorio municipal é posible grazas á dobre captación de auga nos ríos Anllóns e Bardoso
Nestes momentos temos en contratación outros dous proxectos por máis de 800.000 euros. Por unha banda, a ampliación da rede dende Razo ata o Igrexario de Lema, que inclúe a instalación da rede principal, un ramal cara a praia e a conexión ás canalizacións existentes nos núcleos de Centeás, A Chamusqueira, O Castrillón e O Igrexario. Por outra, e para complementar a anterior, con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais temos tamén en contratación o proxecto de abastecemento e saneamento dos núcleos de Cambrelle (Razo), Cambre e O Outeiro (Lema).
A maiores, o investimento que aprobará hoxe a corporación municipal permitirá completar a rede ata Pedra do Sal. En total, o investimento do Concello de Carballo na extensión do abastecemento de auga ao litoral superará os 3,2 millóns de euros.
Colaboración da Xunta
A Xunta de Galicia, pola súa banda, vén de adxudicar por 15.000 euros a redacción do proxecto para completar o abastecemento e/ou saneamento nos lugares de Sambade, Regueira de Arriba, Regueira de Abaixo, A Chamusqueira, Agramaior e Centeás (Lema); O Salto, As Travesas, Castelo, San Miguel e Vilela (Vilela); A Algara, O Rapadoiro, As Infantas, O Campo e a Casanova (Noicela) e Rebordelos, Vilar de Peres e Constenla (Rebordelos). O proxecto deseñará unha rede de 16,7 quilómetros de abastecemento e 9,7 de saneamento, con seis bombeos e un grupo de presión. O Concello de Carballo ten solicitada a colaboración da Xunta non só para a redacción do proxecto, senón tamén para a posterior execución da obra, cuxo custe se definirá no documento.
A extensión do abastecemento polo territorio municipal é posible grazas á dobre captación de auga nos ríos Anllóns e Bardoso. Precisamente, para seguir mellorando o servizo, no Plan Complementario deste ano tamén se inclúe un orzamento de 145.158,91 euros para conectar o depósito de Seixo Branco coa ETAP do Paraíso, de xeito que, como explicou o alcalde, “se hai algunha incidencia nunha rede poida funcionar a outra independentemente”.