Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello estende ao ano 2021 a iniciativa de...

O Concello estende ao ano 2021 a iniciativa de plantar un “fillo” do Carballo de Vilar de Francos por cada nacemento

A situación sanitaria impide realizar a plantación colectiva que tiñamos prevista con motivo do próximo Día da Árbore, pero agardamos poder levala a cabo no 2022

Martes 26 de xaneiro do 2021 Carballo ao día

Cos

Cos "fillos" do Carballo de Vilar de Francos crearemos a carballeira do futuro

Hoxe celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, unha efeméride que ten como obxectivo sensibilizar á sociedade sobre a fina liña que _como estamos a comprobar durante a pandemia_ existe entre o desenvolvemento humano e a conservación do planeta. Un dos obxectivos desta celebración é “sementar valores medioambientais”, e dende o Concello de Carballo queremos axudar a que prenda esa semente a través dos “fillos” da nosa árbore senlleira: o Carballo de Vilar de Francos. E por iso estendemos ao ano 2021 a iniciativa de plantar un por cada nacemento.

Ata hoxe o Instituto Nacional de Estatística comunicou 189 nacementos no ano 2020, pero aínda faltan os datos de decembro, polo que agardamos acadar os 200. A cada unha das familias que se foi achegando pola Casa do Concello para empadroar a eses novos carballeses e carballesas ofrecéuselle a posibilidade de sumarse á iniciativa, ben plantando un herdeiro do carballo de San Antón pola súa conta se dispón de terreo ou ben participando nunha plantación colectiva con motivo do Día da Árbore. A gran maioría prefiren participar nese acto colectivo.

A plantación deste ano non poderá levarse a cabo dada a situación sanitaria provocada pola COVID-19, pero agardamos que arredor do 21 de marzo do ano 2022 poidamos reunir nun gran acto ao aire libre a todas as familias con nenos e nenas nados/as ao longo dos anos 2020 e 2021 para que, ademais de garantir a supervivencia dunha árbore sobranceira, contribúan a sementar a esperanza dun futuro máis sustentable para os seus fillos e fillas.

Compartir: