A veciñanza do noso concello xerou o ano pasado máis de 12 millóns de quilos de residuos sólidos urbanos
A posta en marcha do programa de compostaxe doméstica permitiu reciclar 147.000 quilos de materia orgánica
Sábado 30 de xaneiro do 2021 Carballo ao día
O ano pasado depositamos nos colectores marróns 147.200 quilos de residuos orgánicos
O servizo municipal de recollida de lixo xestionou o ano pasado 12.489.400 quilos de residuos sólidos urbanos, envases lixeiros, papel e cartón, vidro, chatarra, madeira ou escombro, que constitúen a maior parte dos residuos que deposita a veciñanza nos 3.000 contedores distribuídos por todo o municipio e no punto limpo. A cifra total aumenta moi pouco con respecto aos dous anos anteriores, pero a boa nova é que 147.200 quilos deses residuos foron recollidos nos colectores marróns, o que significa que o programa de compostaxe urbana está a dar bo resultado e permítenos seguir avanzando cara o obxectivo europeo de reciclar o 50% dos residuos.
Reducir o volume de residuos é un dos grandes obxectivos do goberno municipal. Dende o punto de vista medioambiental, o lixo é un dos grandes problemas do noso planeta. Por iso apostamos pola valorización dos residuos a través de iniciativas coma os programas de compostaxe doméstica e “Ti tes a chave”, que ademais de reducir dunha maneira importante a cantidade de desperdicios que chega ao contedor verde, permite o aproveitamento do compost como abono.
Na mesma liña enmárcanse tamén as recollidas selectivas de aceite vexetal e de roupa. O ano pasado a veciñanza depositou nos 30 colectores de aceite que temos distribuídos polo municipio un total de 18.303 quilos, que evitaron a contaminación de 20 millóns de litros de auga. En canto ao téxtil, á espera do balance do 2020, o ano anterior recolléronse no noso concello 82.297 quilos, que, ademais de contribuír a un labor solidario, evitaron a emisión de 260 toneladas de CO2.
Ademais do aspecto medioambiental, a redución do volume de lixo tamén nos vai ao peto, porque cantas menos toneladas enviemos a Sogama menos teremos que pagar. Por iso é moi importante reducir, pero tamén que realicemos unha correcta separación dos residuos nos nosos fogares.
Punto limpo
O punto limpo abre os xoves e os sábados en horario de mañá e tarde
A actividade do punto limpo é un reflexo tamén da conciencia medioambiental da cidadanía carballesa. Os principais residuos que se depositaron o ano pasado na instalación do polígono industrial de Bértoa foron madeira (44.140 quilos), plástico duro (38.070 quilos), escombro (29.585 quilos) e chatarra (18.240 quilos). Tamén se depositaron, pero en cantidades moito menores, cartón, plásticos agrícolas, vidro e cristal, aceite ou pilas. Así mesmo, os carballeses e carballesas desfixémonos ao longo do 2020 de 1.679 unidades de produtos considerados perigosos (neveiras e conxeladores, televisores, filtros de aceite, pinturas, fluorescentes...) e outras 3.298 unidades de produtos non perigosos (colchóns, sofás, aparatos eléctricos...).