Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno aproba unha solicitude de...

A Xunta de Goberno aproba unha solicitude de subvención á Xunta para mellorar a seguridade viaria no polígono de Bértoa

Na sesión de hoxe foi aprobada a primeira licenza do ano para unha nova empresa no parque empresarial

Luns 1 de febreiro do 2021 Carballo ao día

Polígono industrial de Bértoa

Polígono industrial de Bértoa

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe varias licenzas de obra, entre elas a primeira do ano para a construción dunha nave empresarial no polígono de Bértoa. O investimento previsto na edificación, que se destinará á montaxe de casas prefabricadas, supera os 230.000 euros. En relación co parque industrial, o goberno carballés tamén acordou solicitar unha subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a execución dun proxecto de mellora da seguridade viaria que ten un orzamento de 181.329,37 euros.

Na sesión ordinaria tamén foron aprobadas as bases da convocatoria de axudas de estudos para alumnado de 2º ciclo de Educación Infantil e do Conservatorio Profesional de Música para o curso 2020-2021, cun orzamento de 66.000 euros.

Entre outras cuestións, a Xunta de Goberno Local tamén deu luz verde a varias iniciativas da área de Cultura:

  • Convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Industrias Culturais e o Concello de Carballo para a xestión da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios do primeiro semestre do ano. A proposta inclúe un total de sete espectáculos de teatro e danza.
  • Convenios de colaboración coa Fundación Luis Calvo Sanz e ae empresa Interfilm Carballo para o financiamento do XXIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís.
  • Bases do XXIII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís.
  • Aprobación do gasto para o pago dos dereitos de autor das actividades culturais que se organicen durante este ano.
  • Prezos públicos para os espectáculos organizados polo Concello de Carballo no Pazo da Cultura, que non varían con respecto ao ano anterior.

Compartir: