Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comezaron as obras da rúa Perú, que...

Comezaron as obras da rúa Perú, que mellorarán os servizos e a seguridade peonil nunha das vías urbanas con máis tráfico

Hoxe realizouse sobre o terreo a marcaxe previa dos servizos afectados polo proxecto das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia

Martes 2 de febreiro do 2021 Carballo ao día

Obras na rúa Perú

Obras na rúa Perú

Unha vez rematadas case por completo as obras da rúa Bos Aires, a empresa Vázquez y Reino trasladou os seus equipos á paralela rúa Perú, unha das vías urbanas que soporta máis tráfico rodado e que será obxecto dunha intervención que permitirá, por unha banda, renovar os servizos urbanísticos e, por outra, mellorar a seguridade peonil. Precisamente, debido á densidade de circulación de vehículos, esta vía non será de plataforma única, senón que se opta pola construción de beirarrúas e calzada a distintos niveis.

O proxecto da rúa Perú desenvolverase entre a rotonda do cruce coas rúas Ponte e Poñente, por un lado, e a rúa Ourense, por outro. Serán 150 metros lineais nos que se procederá a eliminar as tubaxes de fibrocemento, ademais de separar as canalizacións de augas pluviais e residuais, soterrar os tendidos e implantar novos servizos. As obras, que foron adxudicadas por 188.266,01 euros, inclúen tamén o acondicionamento das beirarrúas e dos carrís de circulación, así como de dúas “isletas” para facilitar as incorporacións ás rúas Estrela e Chile.

Debido á execución dos traballos está cortado un dos carrís de circulación. Os desvíos están sinalizados, pero aconséllase aos condutores que, na medida do posible, utilicen vías alternativas. Dende o Concello de Carballo pedimos desculpas polas inevitables molestias que ocasionan as obras e agradecemos a comprensión e a colaboración veciñal para facilitar a súa execución o máis axiña posible.

Máis proxectos viarios

Neste cruce construirase unha glorieta

Neste cruce construirase unha glorieta

Hoxe tamén se realizou a marcaxe sobre o terreo dos servizos afectados polo proxecto de reurbanización das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, que empezarán nas vindeiras semanas e nas que investiremos 250.770,83 euros. As obras serán executadas pola empresa Excavaciones y Obras Candal, que deberá completar as obras de reurbanización de varias rúas no entorno da mazá de equipamentos do Complexo Deportivo Vila de Noia, o CEIP Fogar e o IES Alfredo Brañas. Trátase polo tanto dunha zona altamente sensible en canto á seguridade viaria, pois concéntrase en curtos períodos de tempo unha gran afluencia de nenos e adolescentes, punto final dunha das rutas do Pedibús, autobuses de transporte escolar e familias que acompañan á rapazada ao colexio e ás instalacións deportivas da piscina e pavillón da Vila de Noia.

Ademais da mellora dos servizos urbanos e de completar a reurbanización da contorna dos edificios públicos, tamén se incorpora a construción dunha glorieta no cruce das rúas Vila de Corcubión, Alfredo Brañas e avenida de Bergantiños para mellorar a fluidez do tráfico rodado.

As próximas actuacións integrais realizaranse nas rúas Tarragona, Pontevedra, Ourense e Baños Vellos

Compartir: