Coincidindo coa celebración do Día Mundial dos Humedais, o Concello de Carballo lembra a necesidade de protexer Baldaio
O goberno municipal está a realizar un seguimento da situación tras o grave problema que provocou hai un ano o taponamento da canle que comunica a lagoa co mar
Martes 2 de febreiro do 2021 Carballo ao día
Baldaio é unha das zonas húmidas máis importantes de Galicia
O Día Mundial dos Humedais do 2020 non foi unha data de celebracións. A acumulación de toneladas de area na canle que comunicaba a lagoa co mar provocou unha crise ambiental, social e económica que obrigou ás Administracións competentes -Estado e Xunta de Galicia- a realizar unha intervención de urxencia para recuperar esa zona de confluencia natural entre a auga doce e a salgada.
Evencio Ferrero e Luis Lamas, charlando cun veciño
Un ano despois, a efeméride do 2 de febreiro lémbranos a importancia e a necesidade de seguir avanzando no desenvolvemento sostible dun dos espazos naturais máis importantes de Galicia. Ata Baldaio achegouse o alcalde, Evencio Ferrero, acompañado polo concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, nunha das visitas periódicas do goberno municipal para facer un seguimento permanente da situación. A canle segue aberta, aínda que co seu curso modificado, creando un gran meandro na desembocadura. Aínda que, polo momento, mantense a comunicación entre a lagoa e o mar, o alcalde aproveitou para enviar unhas imaxes actualizadas da zona á Demarcación de Costas, para evitar que se repita a situación do ano pasado.
O Concello de Carballo está a disposición das Administracións competentes para colaborar na adopción das medidas que garantan a conservación dos valores naturais de Baldaio e das actividades residencial e económica que, dun xeito sostible, tamén se veñen desenvolvendo na zona. Ao mesmo tempo, seguimos traballando na ordenación sostible da contorna mediante instrumentos como o Plan Especial de Pedra do Sal, que se presentará en breve para a súa aprobación inicial e que definirá o desenvolvemento urbanístico dunha área de 330.000 metros cadrados de solo rústico e de núcleo rural nun horizonte de 16 anos.
Tendo en conta todos os condicionantes existentes no ámbito, que son moitos, o Plan Especial de Pedra do Sal pretende mellorar o núcleo, os servizos dos que dispón e as dotacións e equipamentos; ordenar o bordo litoral para o uso das praias e preservar e protexer a paisaxe e os espazos naturais.