Inicio Carballo ao día Hemeroteca O ano pasado enviamos a despezar 35...

O ano pasado enviamos a despezar 35 vehículos abandonados polos seus propietarios

A cifra é moi superior á media dos últimos anos debido a que tamén se venderon para chatarra os restos de varios coches que levaban anos almacenados

Mércores 3 de febreiro do 2021 Carballo ao día

No último ano enviamos a despezar 35 vehículos abandonados. A cifra é moi superior á media de anos anteriores debido a que, ademais dos expedientes individuais correspondentes a vehículos abandonados no período 2019-2020, realizouse un expediente único para un lote de 20 que levaban anos amoreados nun depósito temporal e dos que nalgúns casos apenas quedaban uns restos.

Aínda que algúns se atopaban en moi mal estado, entre os vehículos que acaban reducidos a chatarra habíaos tamén de alta gama e varios pertencentes a empresas. O despece é o destino final dos automóbiles despois dun longo proceso administrativo no que se esgotan todas as opcións para que sexan reclamados polos seus titulares.

Os vehículos chegan ao depósito municipal por dúas vías principais: ou ben tras ser retirado pola grúa por algún tipo de infracción ou ben tras constatarse a súa situación de abandono na vía pública por parte da Policía Local, a Policía Autonómica ou a Garda Civil. A Ordenanza municipal reguladora do tráfico, a mobilidade e a seguridade viaria do Concello de Carballo establece que un vehículo considerarase abandonado nos seguintes supostos:

  1. Cando transcorran máis de dous meses desde que o vehículo fora depositado trala súa retirada da vía pública pola autoridade competente e o seu titular non presentara alegacións.
  2. Cando permaneza estacionado por un período superior a trinta días naturais no mesmo lugar e presente danos que fagan imposible o seu desprazamento polos seus propios medios.
  3. Cando teña aparencia evidente de non ser reclamado por ninguén ou lle falten as placas de matrícula.
Unha vez transcorridos os prazos legais correspondentes, o Concello de Carballo poderá proceder ao tratamento dos vehículos abandonados como residuo sólido urbano.

No caso de querer recuperar os seus vehículos, os propietarios deberán aboar as taxas establecidas na ordenanza fiscal correspondente: de 14 a 88 euros pola retirada, en función do tipo de vehículo, e unha cantidade diaria pola estadía no depósito municipal de 10 euros para turismos, furgonetas ou análogos e de 4 euros para motocicletas ou ciclomotores. Estas cantidades serán bonificadas nun 50% se o propietario retira o vehículo nas primeiras 24 horas de custodia.

Nos últimos tres anos, dende o Concello de Carballo enviamos a despezar un total de 63 vehículos: 12 no ano 2018, 16 no 2019 e 35 no 2020.

Compartir: