Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os espectáculos retransmitidos en...

Os espectáculos retransmitidos en streaming pola Concellaría de Cultura no que vai de curso superaron as 20.000 visualizacións

Debido ás restricións vixentes e á preocupante situación sanitaria do noso concello decidimos suspender toda a programación do mes de febreiro, incluído o Entroido

Venres 5 de febreiro do 2021 Cultura

O Concerto do CMUS foi unha das actividades con máis visualizacións

O Concerto do CMUS foi unha das actividades con máis visualizacións

Manter unha actividade cultural variada, de calidade e adaptada á situación sanitaria existente en cada momento é unha prioridade para Concellaría de Cultura. Durante toda a pandemia vimos reivindicando que a cultura é segura, e para que siga sendo así establecemos uns protocolos de prevención adaptados a cada actividade e que son asumidos tanto por parte dos/as artistas coma do público. E ademais estamos a realizar un importante esforzo para levar a cultura non só aos espazos nos que desfrutamos dela habitualmente, senón tamén a todos os fogares, aproveitando as posibilidades que nos ofrecen as redes sociais, polo que, previa xestión con creadores/as ou produtores/as, a asistencia presencial aos espectáculos ou actividades compleméntase coa posibilidade de asistencia online.

As retransmisións en directo están a rexistrar moi boa acollida. Os 19 espectáculos culturais ofrecidos no que vai de curso a través de YouTube e Facebook superaron as 20.000 visualizacións. No Top5 ocupa o posto máis alto a cabalgata de Reis, que foi todo un éxito, cun total de 5.534 espectadores/as. A continuación figuran o espectáculo “Leira”, de Nova Galega de Danza, con 2.453 visualizacións; o concerto de Nadal do Conservatorio Profesional de Música (CMUS), con 1.368; o espectáculo de danza “Directo 9”, de Pisando Ovos, con 1.298, e “Que morro”, de Caxoto, con 939.

Unha das características deste “auditorio telemático” é que non ten fronteiras. Así, ao mesmo tempo que o público carballés gozaba co espectáculo “Sintempo” da compañía de danza Sara Cano no Pazo da Cultura ou dende a casa, tamén o facían espectadores/as de Talavera de la Reina, Santiago ou Madrid. Por non falar do público tan internacional que tivo a nosa cabalgata, que foi seguida dende Suíza, Reino Unido, Francia, Burkina Faso, Alxeria, Senegal, Uguguai, Brail ou Marrocos.

A creatividade bergantiñá, reunida en

A creatividade bergantiñá, reunida en "Pandemia. Novos retos"

Ademais dos espectáculos, outras actividades incorporaron a versión virtual, como a exposición de obras de artistas plásticos e visuais de Carballo “Pandemia. Novos retos”, que tivo lugar no mes de outubro e que se acompañou da creación dun catálogo dixital e un documento audiovisual, ambos dispoñibles online desde a páxina web e as redes sociais do Concello de Carballo, cos que se continúa a difundir o traballo dos nosos creadores e creadoras.

Situación actual

Nestes momentos, coas restricións derivadas da COVID-19 no nivel máximo, as opcións para organizar espectáculos ou actividades  culturais presenciais son nulas. Desde a entrada en vigor das últimas restricións o pasado 27 de xaneiro, as clases Aula Municipal de Teatro e da Banda de Gaitas Municipal  impártense a través de plataformas online nos horarios habituais, reorganizando os grupos de alumnos.

Os espectáculos, proxeccións, exposicións ou outras actividades previstas para estas semanas pospuxéronse e celebraranse nos vindeiros meses, xa que, tal e como xa fixo a Concellaría de Cultura desde o inicio da pandemia, non se anulou ningún dos espectáculos contratados, senón que os reprogramamos todos. A función dos Ratos de Lonxedetodo prevista para esta semana xa non se celebrou, e tamén está suspendida a do día 17, así como o resto da programación do Pazo da Cultura que estaba a piques de ser presentada cando entraron en vigor as restricións.

Entroido

Dende a Concellaría de Cultura, por responsabilidade, dada a preocupante incidencia do coronavirus no noso concello, pero tamén por solidariedade coas familias das vítimas e coas persoas que sofren a enfermidade, optamos por cancelar toda a programación do mes de febreiro, incluído o Entroido. Aínda así, intentaremos manter viva a tradición animando á veciñanza a que participe enviándonos fotos ou vídeos da atípica celebración deste ano dende a casa. Disfraces, pero tamén decoración, comida, maquillaxe e mesmo algunha interpretación dos/as máis atrevidos atoparán sempre abertas as canles de difusión online do Concello de Carballo.

Se a situación mellora, os Ratos de Lonxedetodo e as demais actividades de animación á lectura poderán regresar á Biblioteca Rego da Balsa e quedar con nós ata fin de curso, e o auditorio do Pazo da Cultura volverá a ser o punto de encontró seguro (aínda co aforo limitado) da música, o teatro, a danza, a fotografía e as artes escénicas e plásticas e visuais en xeral.

Compartir: