Inicio Carballo ao día Hemeroteca A parroquia de San Xoán Bautista superou...

XA SOMOS 31.429 CARBALLESES E CARBALLESAS

A parroquia de San Xoán Bautista superou por primeira vez o ano pasado os 20.000 habitantes

A poboación do noso concello aumentou en 3.158 persoas nos últimos vinte anos

Luns 8 de febreiro do 2021 Carballo ao día

O municipio de Carballo ten 31.429 habitantes. É a cifra oficial de poboación a 1 de xaneiro do ano 2020, que vén de publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE), e que supón un aumento de 80 veciños e veciñas con respecto á mesma data do ano anterior. Aínda que o noso é un dos escasísimos concellos de todo o ámbito da Costa da Morte que medra cada ano, a evolución foi moi desigual nas dúas décadas que levamos deste século. Así, mentres entre os anos 2000 e 2010 gañamos 2.878 habitantes, entre o 2010 e o 2020 foron só 280. En total, polo tanto, nos últimos vinte anos a poboación no noso concello aumentou en 3.158 persoas.

As parroquias de Carballo, Artes, Cances, Entrecruces, Goiáns e Razo medran en poboación e a de Berdillo ten os mesmos habitantes que o ano anterior

Entre os datos publicados polo INE tamén chama a atención o feito de que, por primeira vez, no ano 2020 superáronse oficialmente os 20.000 habitantes na parroquia de San Xoán Bautista. En concreto, os datos oficiais sinalan que na zona urbana hai 20.075 veciños e veciñas, fronte aos 19.909 do ano anterior.

Pero non é a de San Xoán Bautista a única parroquia que medra en poboación. Tamén o fan as de Artes (5 habitantes máis que no 2019), Cances (+6), Entrecruces (+2), Goiáns (+8) e Razo (+3). Berdillo mantense exactamente igual e as demais perden máis ou menos habitantes, como podes ver no cadro anexo. A parroquia rural con máis veciños e veciñas é a de Bértoa, con 1.558, e tamén superan o millar as de Sofán, con 1.426, e Berdillo, con 1.003. A de Rus ten 1.000 xustos. Do outro lado, Aldemunde é a parroquia menos poboada e a única que non chega a 100 habitantes.

Compartir: