Un ano despois da consecución dos fondos europeos, xa están en marcha todas as actuacións do proxecto “Cicl-Ando Carballo”
Xa están adxudicadas as obras de seis das nove sendas previstas, e as outras tres están en fase de contratación
Martes 9 de febreiro do 2021 Carballo ao día
Hai un ano recibiamos a boa nova da concesión dunha subvención de 1.713.295 euros para converter en realidade o proxecto “Cicl-Ando Carballo”, que inclúe o acondicionamento de 18 quilómetros de sendas peonís e ciclistas, unha rede de aparcamentos seguros para bicicletas e unha campaña de sensibilización en mobilidade sostible. Grazas a esa achega da Unión Europea, que supón o 80% do orzamento do proxecto, o Concello de Carballo reforza o seu compromiso co medio ambiente e co desenvolvemento da Estratexia 2030 a través de proxectos que nos permiten seguir avanzando cara unha mobilidade máis sostible e reducir, en consecuencia, a nosa a pegada de carbono.
Nun tempo récord, dado que o prazo de execución está fixado en 30 meses, o departamento de Contratación do Concello de Carballo xa ten adxudicadas ou a piques de estalo todas as actuacións incluídas no programa:
- 1. Continuidade senda ciclo-peonil: Avda. Bértoa - Polígono Industrial Bértoa.- dende o treito que executou o Concello de Carballo para darlle continuidade polo interior do polígono ata a zona do complexo deportivo das Eiroas, o parque de bombeiros e o novo centro social.
- 2. Conexión polígono industrial de Bértoa - Estrada Carballo - Razo (DP – 1902).- O novo itinerario ciclo peonil dará continuidade ás sendas definidas no proxecto CICL-ANDO CARBALLO ao longo da DP 1902 "Carballo - Razo" coas definidas e existentes no entorno do polígono industrial de Bértoa.
- 3. Conexión carril bici existente en Avda. Razo (DP-1902) con carril bici existente entre rúa Poniente e rúa Fábrica e Avenida de Malpica (AC-414).-O obxectivo deste tramo é o de conectar os dous carrís bici existentes na actualidade nas avenidas de Razo e de Malpica.
- 4. Mellora do carril bici xa existente entre as rúas Poniente - rúa Fábrica e Avenida de Malpica (AC-414). O obxecto do proxecto é a mellora do itinerario ciclista que ocupa actualmente a Avda. de Malpica e a creación dun novo itinerario na rúa Fábrica, naqueles tramos onde non existe na actualidade.
- 5. Conexión casco urbano - colexio Artai.-
- 6. Senda ciclo peonil de regreso complementaria ao carril bici Avda. Razo (DP-1902).-O obxecto da actuación é a definición dunha senda ciclo-peonil na Avenida de Razo de cara a completar o carril-bici existente na avenida de Razo, que discorre dirección saída do núcleo urbano pola súa marxe dereita.
- 7. Senda ciclo turística Carballo – Razo.- O obxecto desta senda é conectar o núcleo urbano de Carballo coa zona litoral do municipio onde se sitúa a praia de Razo
- 8. Conexión casco urbano - senda ciclo-peonil Avda. Bértoa.- O obxecto da actuación é a definición dunha senda ciclo peonil, na marxe dereita da Avenida Vázquez de Parga de cara a conectar a senda existente na Avenida de Bértoa co centro urbano e administrativo de Carballo.
- 9. Senda perimetral polígono de Bértoa.- O obxecto desta actuación é dotar dun itinerario lúdico-deportivo que enlaza co centro urbano e co resto da rede ciclista:
A rede de sendas vai máis alá do ámbito urbano e terá, ademais da funcionalidade de lecer ou turística, a de facilitar os desprazamentos por motivos laborais ou escolares. Como complemento crearase unha rede de aparcamentos seguros para bicicletas en dez enclaves diferentes, cuxa execución foi adxudicada xa á empresa Globalia Urbanismo Integral SL por 37.788,97 euros. Entre ambas as medidas conseguirase unha redución no consumo enerxético de enerxía final do 15,52%. O proxecto inclúe, por último, unha campaña de concienciación en mobilidade sustentable, que está agora mesmo tamén en fase de contratación.
O orzamento total acada os 2.141.618,86 euros e a Unión Europea achegará o 80%, que é a máxima porcentaxe posible.