Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 500 familias da zona rural de...

Máis de 500 familias da zona rural de Carballo están a participar xa no programa municipal de compostaxe doméstica

Continúa aberto o prazo de solicitude para o próximo reparto de composteiros

Mércores 10 de febreiro do 2021 Carballo ao día

O Concello de Carballo segue apostando pola compostaxe como a fórmula máis axeitada para a xestión da denominada quinta fracción dos residuos, ao tempo que facilita ás familias da zona rural a utilización dun abono de calidade nas hortas domésticas. Nestes momentos, tras a entrega de 150 composteiros realizada a finais do ano pasado, contamos con 542 familias adheridas ao programa.

Pero queremos que sexan aínda máis, e por iso seguimos recollendo solicitudes para un próximo reparto doutros 25. As persoas interesadas só teñen que descargar o impreso que atoparán ao final desta nova e presentalo, debidamente cuberto, no Rexistro Municipal (con cita previa no 981 704 100) ou no Rexistro Telemático, ao que se accede a Sede Electrónica de www.carballo.gal. O único requisito é dispoñer dunha parcela de 50 metros cadrados como mínimo.

Ademais do composteiro, as familias participantes no programa reciben un aireador e unha malla para toupas. Ademais, dende mediados de decembro está a disposición das persoas usuarias do programa un punto de provisión de material estruturante ao que poden acudir libremente e de balde. Con esta iniciativa trátase de facilitar o labor da compostaxe a familias que carecen de recursos na súa parcela para realizar o aporte de materia seca que precisa o composteiro.

E se se vos presenta algunha dúbida á hora de utilizalo, botádelle unha ollada a este titorial.

Descargas

Vídeos

Compartir: