Inicio Carballo ao día Hemeroteca Cada día chegan ás...

EN INVESTIGACIÓN VARIOS VERTEDOIROS ILEGAIS

Cada día chegan ás instalacións municipais do Punto Limpo 7 aparellos eléctricos, entre eles 2 televisores

A directora xeral de Calidade Ambiental achegouse hoxe a Carballo para participar no acto de entrega do novo vehículo para a recollida de voluminosos

Venres 12 de febreiro do 2021 Carballo ao día

Entrega do novo punto limpo móbil

Entrega do novo punto limpo móbil

Cada ano chegan ao Punto Limpo de Carballo máis de 100.000 quilos de residuos e milleiros de obxectos de todo tipo procedentes dos fogares carballeses. O ano pasado, por exemplo, recolléronse 764 televisores, é dicir, dous ao día. A cifra total de aparellos eléctricos foi de 2.793, o que supón que cada día tiramos ao lixo 7 electrodomésticos, aos que se suman 764 frigoríficos e conxeladores. Atoparedes o balance anual completo na ilustración adxunta.

O Concello de Carballo trata de facilitar á cidadanía a xestión de todos os materiais que, polas súas características, non poden depositarse nos colectores que hai nas rúas. Así, a veciñanza pode achegarse directamente ás instalacións do punto limpo, situadas no polígono industrial de Bértoa, os xoves e os sábados, de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas; pero tamén pode utilizar o punto limpo móbil, que consiste na recollida dos residuos voluminosos nas illas de colectores previo aviso ao número de teléfono 981 754 917. É importante chamar antes das 14.00 horas do martes, xa que a recollida realízase todos os mércores de 07:00 a 13:40 horas.

Para seguir mellorando o servizo, dende hoxe contamos cun novo punto limpo móbil, un vehículo adquirido polo Concello de Carballo cunha subvención da Xunta de Galicia cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder-Galicia 2014-2020. A entrega do vehículo, que supuxo un investimento de 63.000 euros, tivo lugar hoxe coa presenza da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez; o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Contratación, Milagros Lantes; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e representantes da empresa concesionaria da recollida de lixo, Urbaser.

Ao mesmo tempo, as áreas de Medio Ambiente, Servizos e Seguridade colaboran nunha nova campaña de erradicación de vertedoiros incontrolados. Nestes momentos está en investigación a procedencia de varios vertidos localizados nos últimos días, e dende o Concello de Carballo apélase á colaboración veciñal para localizar ás persoas responsables e adoptar as medidas sancionadoras ou legais oportunas. Esta acción coincide coa aprobación no Parlamento de Galicia, esta mesma semana, do proxecto de Lei de Residuos e Solos Contaminados, que se basea no principio de “quen contamina paga” e que establece sancións de 900 a 1.750.000 euros en función do tipo de infraccións que se cometan.

Compartir: