Inicio Carballo ao día Hemeroteca Seguimos desmontando os mitos do amor...

ÚLTIMAS HORAS PARA PARTICIPAR NO CONCURSO DE LEMAS EN INSTAGRAM!

Seguimos desmontando os mitos do amor romántico cunha charla telemática do psicólogo Sergio Trillo

“O amor pode con todo?”, unha pregunta que atopará resposta o luns 15, a partir das 19.00 horas, nun acto aberto a través da plataforma www.carballoenrede.com

Venres 12 de febreiro do 2021 Lingua

Ademais do I Concurso de lemas “Desmontando os mitos do amor romántico” que estamos a realizar na conta de Instagram @carballomola, as concellarías de Igualdade e Normalización Lingüística do Concello de Carballo tamén organizan de maneira conxunta un novo acto público arredor dunha data tan simbólica coma o 14 de febreiro co mesmo obxectivo de concienciar á poboación, e dun xeito especial aos mozos e mozas, sobre os falsos tópicos asociados ao amor romántico.

Un deses mito é que “o amor pode con todo”, e engadímoslle un signo de interrogación para darlle título a ese novo acto: unha charla telemática con Sergio Trillo, licenciado en Psicoloxía, máster universitario en Informática Social e Desenvolvemento Urbano-Rexional, con experiencia nos ámbitos de servizos sociais, I+D+i, rehabilitación de dano cerebral e saúde mental, e que ademais desenvolve proxectos nas áreas da educación, o envellecemento, a igualdade e a saúde, sempre baixo unha perspectiva de xénero.

A charla terá lugar o luns 15, a partir das 19:00 horas, a través da plataforma www.carballoenrede.com, a páxina de Facebook e a canle de Facebook do Concello de Carballo. As persoas que queiran sumarse poderán realizar as súas achegas ou consultas en directo.

BASES DO CONCURSO DE LEMAS

  1. A participación no I Concurso de Lemas “Desmontando os mitos do amor romántico” está aberta a calquera persoa usuaria de Instagram, sen límite de idade.
  2. Só se admitirán lemas en galego.
  3. Para participar será preciso utilizar unha imaxe ou vídeo nos que poida lerse ou escoitarse o lema proposto, que, preferentemente, non superará os 10 segundos de duración. Con todas as imaxes e/ou vídeos participantes elaborarase un resumo final na que figurarán as distintas propostas e a autoría de cada unha delas.
  4. O prazo para participar estará aberto dende as 00.00 horas do día 2 ata as 24.00 horas do día 12 de febreiro de 2021.
  5. As persoas que queiran participar publicarán as imaxes e/ou vídeos cos lemas nas súas contas persoais, etiquetando a  @carballomola. No texto adxunto incluiranse os cancelos #desmontandoamorromántico #igualdadecarballo  #normalizaciónlingüísticacarballo e #díadoamorcarballo. Ademais, no prazo indicado terán que enviar as imaxes e/ou vídeos por whatsapp ao número 604072887, indicando nome completo, localidade de residencia, teléfono de contacto (de ser un diferente ao utilizado para o envío) e nick de Instagram.
  6. Todas as persoas participantes recibirán un agasallo da campaña “eu quero a Carballo”.
  7. Entre todas as persoas participantes sortearase un xantar/cea para dúas persoas nun establecemento hostaleiro de Carballo. En función da situación sanitaria e das restricións vixentes, se non é posible gozar do premio no propio establecemento, o xantar ou cea será para levar ou para servir a domicilio.
  8. O Concello de Carballo poderá utilizar os lemas en futuras campañas que contribúan a seguir avanzando cara a igualdade entre mulleres e homes.

Compartir: