Inicio Carballo ao día Hemeroteca O noso concello baixa dos 300 casos activos de...

O SERGAS EMPEZOU A CONVOCAR Á VECIÑANZA DE XOVES A DOMINGO PARA UN CRIBADO

O noso concello baixa dos 300 casos activos de COVID-19 por primeira vez dende o 22 de xaneiro

A comisión de seguimento revisará o xoves as medidas incluídas no novo decreto da Xunta, que entra en vigor mañá

Martes 16 de febreiro do 2021 Carballo ao día

Por primeira vez dende o 22 de xaneiro, o noso concello baixa dos 300 casos activos de COVID-19. Hoxe o Sergas comunicou 284. Ao mesmo tempo, iniciou o chamamento individual para un cribado masivo que se levará a cabo dende o xoves ata o domingo no centro de saúde. Dende o Concello de Carballo ofrécese toda a colaboración precisa para o correcto desenvolvemento das probas, e está previsto establecer un dispositivo especial de vixilancia por parte da Policía Local para evitar aglomeracións na contorna do edificio. O alcalde, Evencio Ferrero, valora de forma moi positiva que por parte das autoridades sanitarias se decidise atender a solicitude de inclusión do noso concello no calendario de cribados, e solicita a todos os veciños e veciñas que acudan á convocatoria das autoridades sanitarias.

Para o xoves tamén está prevista unha nova xuntanza da comisión de seguimento da COVID-19, que balance da situación actual no noso concello e revisará as medidas incluídas no novo decreto da Xunta, que entrará en vigor ás 00.00 horas do día 17. A partir de mañá, en consecuencia, xa se irán restablecendo os servizos nos que se relaxan as restricións por parte das autoridades sanitarias. Así quedan as normas:

EQUIPAMENTOS CULTURAIS

  • Nas bibliotecas, arquivos, museos e salas de exposicións, monumentos e outros equipamentos culturais, tanto públicos coma privados, poderán realizarse actividades presenciais sen superar o 30% da capacidade máxima permitida e os grupos non poderán superar as 4 persoas.
  • En Carballo volverán a abrir mañá ao público a Oficina de Turismo e as bibliotecas municipais, aínda que ata o luns non recuperarán o seu horario habitual completo.
  • A celebración de actividades en cines, teatros, auditorios, congresos e similares poderá desenvolverse cun 30% de aforo, ata un máximo de 250 persoas en lugares pechados e de 500 ao aire libre. O público estará sentado, con máscara e distancia de seguridade, e deberá crearse un rexistro de asistentes que se conservará durante un mes.

EDUCACIÓN

  • A actividade lectiva presencial na Escola Oficial de Idiomas e no Conservatorio Profesional de Música restablecerase o 22 de febreiro, aínda que no CMUS permanecerán suspendidas as actividades presenciais que impliquen a utilización de instrumentos de vento e/ou exercicios de canto.
  • Para os/as universitarios/as, a data de referencia é o 1 de marzo, xa que a partir dese día restablecerase a modalidade presencial nas ensinanzas universitarias.

MAIORES

  • A actividade en centros sociais, sociocomunitarios, clubs de xubilados ou similares continúa suspendida, o que afecta á rede municipal de centros sociais.
  • Permanecerán abertos os centros de día de maiores e de persoas con discapacidade, así coma os centros ocupacionais.

COMERCIO

  • Os establecementos comerciais que non formen parte de parques comerciais poderán permanecer abertos ata as 21.30 horas como máximo, cun aforo do 50% e atención preferente a maiores de 65 anos.
  • Mercado Municipal recupera o seu horario habitual a partir de mañá: de luns a venres, de 08:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e os sábados e domingos de feira, de 08:30 a 14:00 horas.
  • As grandes superficies (máis de 2.500 metros cadrados) deberán dispoñer dun sistema ou dispositivo que permita ao público coñecer en todo momento o número de persoas que hai no interior e a capacidade máxima permitida.
  • Os centros e parques comerciais, ademais, permanecerán pechados as fines de semana, agás os establecementos que comercialicen produtos de primeira necesidade (alimentación, combustible, hixiene, animais, etc.)

HOSTALARÍA

  • Os establecementos de hostalaría e restauración (bares, cafetarías, restaurantes) permanecerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio.
  •  O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas.

DEPORTE

  • A práctica da actividade física e deportiva non federada so poderá realizarse ao aire libre ou en instalacións deportivas ao aire libre, de forma individual ou con persoas conviventes e coa utilización de máscara.
  • A práctica da actividade deportiva federada de ámbito autonómico, adestramentos e competicións, axustarase aos correspondentes protocolos Fisicovid-Dxtgalego aprobados, e os deportistas participantes e demais persoal autorizado non estarán suxeitos ás limitacións de entrada e saída existentes en determinados ámbitos territoriais e ás limitacións establecidas á liberdade de circulación das persoas en horario nocturno nos casos en que exista causa xustificada.
  • As competicións deportivas federadas de nivel nacional e os seus adestramentos desenvolveranse de acordo co establecido pola Administración competente e de conformidade coas limitacións establecidas nos protocolos federativos correspondentes.
  • Poderán permanecer abertas as instalacións deportivas ao aire libre para a práctica deportiva individual.
  • Poderán permanecer abertas as instalacións deportivas nas que se celebren adestramentos ou competicións de ámbito federado, profesional ou non profesional, cuxos vestiarios e zonas de ducha poderán ser usados cunha ocupación de ata o 30 % da capacidade máxima permitida, e procederase á limpeza e desinfección despois de cada uso e ao final da xornada. En todo caso, queda prohibida a asistencia de público ás competicións e adestramentos.

TRANSPORTE

  • Os transportistas poderán utilizar o servizo de cátering naqueles establecementos situados en centros loxísticos e nas áreas de servizo da rede de estradas do Estado en Galicia, vías de alta capacidade e rede primaria básica de estradas de Galicia que dispoñan de cociña. Para o acceso a estes establecementos será obrigatorio a presentación da tarxeta de profesional do transporte CAP.
  • Os taxis e vehículos VTC poderán prestar servizos de transporte para persoas conviventes, así como para escolares, persoal sanitario, pacientes ou traballadores non conviventes, ocupando todas as prazas dispoñibles.

NORMAS QUE SE MANTEÑEN

  • Interaccións sociais limitadas a conviventes (agás no traballo e no coidado de persoas maiores ou menores)
  • Mobilidade reducida ao propio concello (agás casos permitidos)
  • Toque de queda de 22.00 a 06.00 horas.

Descargas

Compartir: