Inicio Carballo ao día Hemeroteca Policía Local e Protección Civil...

Policía Local e Protección Civil colaborarán na organización do cribado cun dispositivo de aparcamento e control de accesos ao centro médico

A rúa Gregorio Marañón estará pechada ao tráfico e utilizarase durante os catro días como zona de aparcamento exprés para as persoas citadas polo Sergas para facer as PCR

Mércores 17 de febreiro do 2021 Carballo ao día

O cribado realizarase no centro de saúde

O cribado realizarase no centro de saúde

A Policía Local e Protección Civil teñen preparado un dispositivo para facilitar o aparcamento e controlar os accesos ao centro médico durante os catro días fixados pola Consellería de Sanidade para realizar un cribado a 3.910 veciñas e veciños do noso concello.

O Sergas está a realizar o chamamento á poboación de idades comprendidas entre os 55 e os 65 anos para acudir ao centro de saúde dende o xoves ata o domingo coa intención de buscar casos positivos de COVID-19 que non estean diagnosticados. As probas realizaranse de 09:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas.

Segundo informou o concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Juan Seoane, durante estes catro días pecharase ao tráfico a rúa Gregorio Marañón, que se utilizará como zona de estacionamento exprés para as persoas convocadas para o cribado. Policía Local e Protección Civil colaborarán tamén co Sergas na organización dos accesos para evitar que se formen aglomeracións. Neste sentido faise un chamamento ás persoas citadas para que acudan á hora fixada.

O Sergas comunicou hoxe 274 casos activos no noso concello, dez menos ca onte. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo apelar á responsabilidade individual no que respecta ás medidas de prevención do coronavirus, ademais de facer unha chamada ás persoas convocadas para o cribado para que acudan á convocatoria das autoridades sanitarias.

Mañá tamén se reunirá a comisión de seguimento da COVID-19 para facer balance da situación actual no noso concello e revisar as medidas incluídas no decreto da Xunta que entrou hoxe en vigor.

Compartir: