Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo pon en marcha unha...

O Concello de Carballo pon en marcha unha campaña de información, vixilancia e control da actividade forestal

Ademais de enviar unha carta ás empresas madeireiras lembrándolles a obriga de cumprir a ordenanza, a Policía Local actuará para frear o deterioro da rede viaria

Venres 19 de febreiro do 2021 Carballo ao día

O Concello de Carballo pon en marcha unha campaña de información, vixilancia e control coa que tratamos de poñer freo ao deterioro da rede viaria pola actividade das empresas madeireiras.

Como primeira medida foi enviada ás empresas que traballan habitualmente no noso concello unha carta que resume o protocolo de actuación e lembra a obriga de respectar a Ordenanza municipal reguladora da protección dos camiños e vías públicas municipais en relación coas operacións forestais e similares. Neste sentido, á hora de realizar os traballos de corta e extracción de madeira deben cumprirse os seguintes requisitos:

  • É obrigatorio realizar unha comunicación previa dos traballos de tala, polo menos con 8 días hábiles de antelación, que se presentará no Rexistro Municipal ou a través do correo electrónico policia@carballo.gal, e que debe conter os seguintes datos: identificación da persoa propietaria do monte e da empresa madeireira; especie que se vai talar e toneladas que se van extraer; identificación nun plano do monte afectado coa súa referencia catastral, lugar de deposito e vías que se usarán para o transporte da madeira; xustificante da solicitude de permiso de tala ante a Xunta de Galicia, xustificante do depósito da garantía e datas de inicio e remate dos traballos.
  • Unha vez presentada a comunicación, os servizos municipais comprobarán o estado das vías. Se a empresa madeireira quere axilizar o trámite e detecta algunha vía en mal estado, debe comunicalo axuntando reportaxe fotográfica e delimitando no plano a zona afectada.
  • A empresa responsable das cortas establecerá unha fianza por importe de 3.000 euros a favor do Concello de Carballo para responder diante de posibles danos non reparados voluntariamente.
  • Non se poden utilizar as vías públicas para o almacenamento de madeira.
  • É obriga da empresa madeireira sinalizar as vías situadas na zona de extracción e depósito segundo a normativa vixente. ü  Deberán adoptarse as medidas oportunas para que as vías utilizadas para o transporte estean libres de pólas, lama ou calquera elemento que poida supoñer un risco para as persoas usuarias das mesmas.
  • Ante calquera incumprimento, o Concello de Carballo requirirá á empresa responsable para a súa reparación nun prazo máximo de 15 días. No caso de que o madeireiro non poida ser identificado, a responsabilidade será das persoas propietarias dos montes.

Todas as empresas que queiran traballar no noso concello deberán cumprir este protocolo. No caso de non facelo, os labores de tala serán paralizados e aplicaranse as sancións correspondentes, que, tal como se establece na ordenanza vixente, van dende os 750 euros por non achegar documentación ou non realizar a comunicación previa da tala ata un máximo de 3.000 euros polo deterioro grave dos camiños ou non adoptar as medidas necesarias para que as vías estean libres de elementos perigosos para as persoas usuarias das mesmas. Dende o Concello de Carballo apelamos tamén á colaboración veciñal para que, no caso de detectar algunha irregularidade no desenvolvemento da actividade forestal, se comunique o antes posible a Policía Local.

Ligazóns

Compartir: