Inicio Carballo ao día Hemeroteca As rúas dedicadas a mulleres que abriron...

DO 24 DE FEBREIRO AO 8 DE MARZO

As rúas dedicadas a mulleres que abriron camiños cara a igualdade serán identificadas con placas de cor violeta

As primeiras colocaranse este mércores 24, coincidindo coa celebración do Día de Rosalía, na rúa que leva o nome da escritora

Luns 22 de febreiro do 2021 Carballo ao día

Rúa Rosalía de Castro

Rúa Rosalía de Castro

A situación sanitaria provocada pola COVID-19 inflúe en todos os ámbitos da vida e tamén da actividade institucional. Para fuxir das accións que impliquen a concentración de persoas, dende as distintas áreas do Concello de Carballo apostamos pola celebración de actividades online. Dende as concellarías de Igualdade e Mocidade estanse a desenvolver unha serie de accións conxuntas como a charla sobre os mitos do amor romántico que ofreceu o psicólogo Sergio Trillo coincidindo co Día do Amor a través da plataforma www.carballoenrede.com ou o concurso que, co mesmo motivo, levamos a cabo en Instagram. O obxectivo é seguir visibilizando as desigualdades e seguir traballando, sobre todo coa poboación moza, para poñerlles fin.

Nesa mesma liña, dende o 24 de febreiro, coincidindo coa conmemoración do Día de Rosalía, ata o 8 de marzo, Día da Muller, levaranse a cabo unha serie de accións simbólicas coas que pretendemos expresar o compromiso da sociedade e do Concello de Carballo coa loita pola consecución da igualdade.

Para destacar o labor de tantas pioneiras, as rúas dedicadas a mulleres que traballaron a prol da igualdade serán identificadas con placas de co violeta. As primeiras colocarémolas o día 24 na rúa Rosalía de Castro, nun acto que se celebrará ás 13.00 horas, e as seguintes iranse colocando ata o 8 de marzo nas rúas Carolina Otero, Clara Campoamor, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Luísa Villalta, María Barbeito, María Casares, María Mariño, Syra Alonso, Maruja Mallo, Sofía Casanova e Xoana de Vega.

Esta acción complementarase o día 8 coa colocación doutros elementos simbólicos en distintos puntos do noso concello, a iluminación da Casa do Concello de cor morada e unha concentración telemática na que volveremos a utilizar, coma o 25 de novembro pasado, a plataforma www.carballoenrede.com, que permitirá ver sobre o mapa de Carballo cantas persoas hai conectadas en cada momento. Así mesmo, arredor do Día da Muller poremos en marcha unha campaña informativa sobre o Centro de Información á Muller.

Compartir: