Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobado cos votos en contra de TeGa e as...

Aprobado cos votos en contra de TeGa e as abstencións de PP e PSOE o orzamento do Concello de Carballo para este ano

A corporación gardou un minuto de silencio polas vítimas da COVID-19 co compromiso de celebrar unha homenaxe pública cando a situación sanitaria o permita

Martes 23 de febreiro do 2021 Carballo ao día

A corporación municipal aprobou este luns o orzamento para o ano 2021, que acada os 26.159.231 euros. A proposta do goberno do BNG non conseguiu o apoio dos grupos da oposición: Terra Galega votou en contra e PP e PSOE abstivéronse. Tamén foi aprobado, coas abstencións de PP e TeGa e os votos a favor de BNG e PSOE, o cadro de persoal, composto por un total de 305 prazas, das que 153 están vacantes.

A sesión ordinaria, aínda que se celebrou de xeito telemático, comezou cun minuto de silencio polas vítimas da COVID-19 e o compromiso, expresado polo alcalde, Evencio Ferrero, de organizar un acto público na súa memoria cando a situación sanitaria o permita.

Así mesmo, foron adoptados os seguintes acordos:

  • Aprobación de facturas pendentes do 2020 por importe de 94.100€, cos votos a favor do BNG e as abstencións do resto dos grupos.
  • Resolución contractual por mutuo acordo da concesión do quiosco do xardín, por unanimidade.
  • Expediente de investigación da titularidade dun terreo en Bértoa, coa abstención do PP e os votos en contra de TeGa.
  • Modificación do PXOM para a construción dun aparcamento no polígono de Bértoa, coa abstención de TeGa.
  • Tamén se deu conta da renuncia da concelleira Milagros Lantes á dedicación exclusiva tras a súa xubilación.
  • No apartado de rogos e preguntas, todos os grupos presentaron iniciativas relacionadas con diversos temas.

Compartir: