A rúa Rosalía de Castro estrea as placas de cor violeta que se colocarán en todas as rúas dedicadas a mulleres pioneiras
O Concello de Carballo escolleu o Día de Rosalía para iniciar un programa de accións simbólicas que se estenderán ata o 8 de marzo, Día da Muller
Mércores 24 de febreiro do 2021 Carballo ao día
A rúa Rosalía de Castro é, dende hoxe, un símbolo da loita pola igualdade. O Concello de Carballo escolleu o Día de Rosalía para colocar na rúa que leva o seu nome unhas placas novas de cor violeta e que inclúen, ademais, a profesión e os anos do nacemento e a morte da gran escritora galega. “Unha autora tremendamente comprometida, moi lonxe do romanticismo que se dicía naqueles tempos, moi lonxe de ser unha persoa que comulgaba cos estándares literarios que había”, como a definiu o alcalde.
Evencio Ferrero, que comezou a súa intervención lembrando a súa relación con Rosalía de Castro xa dende a infancia, cualificouna como “unha auténtica vangardista, feminista, e unha das grandes autoras do país, do Estado, europea e universal. Temos o privilexio de coñecela na nosa lingua, no noso idioma, e dende calquera curruncho do mundo, a xente que estude a Rosalía saiba que era unha persoa que sempre que se identificou co seu, co máis propio e máis próximo”.
A concelleira de Igualdade, Maica Ures, explicou que este ano, dada a situación sanitaria e para evitar concentracións de persoas, para conmemorar o Día da Muller “decidimos coller elementos simbólicos do mobiliario urbano e ir cambiando as placas das rúas dedicadas a mulleres”. Dentro dese simbolismo encaixa á perfección o 24 de febreiro, Día de Rosalía, “defensora da lingua e do feminismo”.
O acto continuou coa intervención da concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Maruxa Suárez, que recitou un poema dedicado por Alfredo Brañas a Rosalía de Castro con motivo da súa morte, e, finalmente, o gaiteiro Fernando Nieto interpretou unha peza musical.
Nos vindeiros días iranse substituíndo os letreiros das outras 12 rúas carballesas dedicadas a mulleres que traballaron pola igualdade, e arredor do 8 de marzo levaranse a cabo outras accións, entre elas unha concentración telemática á que poderán sumarse, a través da plataforma www.carballoenrede.com, todas as persoas que queiran manifestarse a favor da igualdade.