O levantamento do peche perimetral municipal, unha das medidas que entra en vigor o venres 26
A comisión de seguimento da COVID-19 centrou a súa reunión de hoxe no sector hostaleiro, suxeito ao Plan de hostalaría publicado no DOG
Xoves 25 de febreiro do 2021 Carballo ao día
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta mesma tarde o decreto do presidente da Xunta e a orde da Consellería de Sanidade coas novas medidas de prevención da COVID-19 que entrarán en vigor ás 00.00 horas do venres 26 e que no caso do noso concello supoñen cambios substanciais con respecto ás anunciadas este luns polo presidente Núñez Feijoo.
Estas son as principais novidades:
- Levántase o peche perimetral do municipio, e a partir de mañá hai liberdade de movementos polos seguintes concellos da área sanitaria A Coruña-Cee: Aranga, Arteixo, Cambre, Carballo, Carral, A Coruña, Culleredo, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Miño, Muxía, Paderne, Sada, Vilasantar, Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cee, Cerceda, Coirós, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Irixoa, Laxe, Oleiros, Oza-Cesuras, Sobrado, Vilarmaior, Vimianzo e Zas.
- Permítese a reunión dun máximo de 4 persoas entre conviventes e non conviventes.
- Poden abrir instalacións deportivas, piscinas e ximnasios, e permítese a práctica deportiva en grupo ata un máximo de 4 persoas e con máscara.
- Na hostalaría poden abrir as terrazas ao 50% e ata as 18.00 horas, ademais de manter o servizo de recollida ata as 21.30 e o de entrega a domicilio ata as 24.00 horas.
HOSTALARÍA
Imaxe da xuntanza de hoxe da comisión de seguimento da COVID-19
A reapertura das terrazas de hostalaría foi, precisamente, o tema central da xuntanza que celebrou esta mesma mañá a comisión de seguimento da COVID-19, na que se acordou celebrar unha xuntanza coa asociación local do sector para valorar tanto as novas medidas establecidas pola Xunta, xa que o DOG tamén publica hoxe a orde pola que se establecen as actuacións necesarias para a posta en marcha do Plan de hostalaría segura.
Esa reunión xa se celebrou hoxe pola tarde coa participación do presidente e outros membros da xunta directiva da Asociación de Hostalaría de Carballo; o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane, e o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera. Na xuntanza deuse conta das normas establecidas nese Plan de hostalaría segura para o funcionamento das terrazas de hostalaría, que, entre outros aspectos, refírese á disposición do mobiliario nestes termos: "Para facilitarlles ás persoas usuarias e traballadoras do establecemento o coñecemento e cumprimento das regras de capacidade e porcentaxe máxima de uso, así como para garantir as distancias mínimas de seguridade persoal, tanto no interior coma no exterior, as mesas e cadeiras montadas deberán corresponderse coas capacidades permitidas en condicións normais, e procederase a inutilizar, mediante bandas ou adhesivos, as mesas e cadeiras que sexa necesario de xeito que só se poidan utilizar as mesas e cadeiras correspondentes ás porcentaxes máximas de uso en cada momento".
Isto significa que só poderá utilizarse unha de cada dúas mesas, e que a que non poida utilizarse deberá contar cos elementos necesarios para impedir o seu uso. Ademais, o plan elaborado pola Xunta obriga aos establecementos a colocar nun lugar visible un cartel co aforo permitido e a controlar o seu cumprimento. No caso contrario, a responsabilidade recaerá sobre o local.
Por outra banda, na comisión de seguimento da COVID-19 informouse por parte do xefe da Policía Local das 140 denuncias que se levan tramitado este ano polo incumprimento das medidas de prevención. Así mesmo, a concelleira Milagros Lantes trasladou os parabéns do goberno municipal tanto á Policía Local coma a Protección Civil polo dispositivo que puxeron en marcha durante o cribado que se levou a cabo a semana pasada no centro de saúde, no cal, segundo os datos publicados pola prensa, participaron 3.025 persoas (77,33% das citadas) e detectáronse 4 positivos.