Retirado da Furna Furada de Rebordelos un vertido de planchas de fibrocemento
Persoal de Protección Civil tivo que traballar con medidas especiais de seguridade polo escarpado do lugar e o tipo de residuo
Luns 1 de marzo do 2021 Carballo ao día
Non sen certa dificultade, porque o acceso á Furna Furada non é doado, persoal de Proteccion Civil Carballo, co apoio dun tractor, conseguiu acceder ao lugar no que hai unhas semanas alguén tirou planchas vellas de fibrocemento e retiralas con todas as medidas de seguridade. Un xestor autorizado encargarase agora de que os residuos reciban o tratamento axeitado.
No Concello de Carballo estamos moi orgullosos do noso litoral en xeral, e deste singular enclave da parroquia de Rebordelos en particular. Polo que se ve, alguén pretende convertelo nun vertedoiro, e pedimos a vosa colaboración para tratar de localizar ás persoas responsables e formular a denuncia correspondente.
A este respecto queremos lembrar que a nova Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, aprobada a semana pasada polo Parlamento galego, define como unha sanción moi grave "o abandono, vertido ou eliminación incontrolada de residuos perigosos" e establece sancións económicas de 45.001 a 1.750.000 euros.