Inicio Carballo ao día Hemeroteca Espectacular regreso dos Ratos de Lonxedetodo,...

Espectacular regreso dos Ratos de Lonxedetodo, que seguirán visitando Carballo ata o mes de xuño

A rapazada puido gozar coa visita de Fuco e Pillo na Biblioteca Rego da Balsa e tamén a través das redes sociais do Concello de Carballo

Xoves 4 de marzo do 2021 Cultura

Fuco e Pillo, na Biblioteca Rego da Balsa

Fuco e Pillo, na Biblioteca Rego da Balsa

Os Ratos de Lonxedetodo regresaron esta semana á Biblioteca Rego da Balsa cun espectáculo impresionante, que espertou as gargalladas da rapazada (e tamén do público adulto) que se achegou ata a Biblioteca Rego da Balsa ou que optou por ver a actuación en directo a través das redes sociais do Concello de Carballo e da propia biblioteca. Os simpáticos Fuco e Pillo meteron ao público no peto con “Ovos, letras e galiñas”, unha historia súper divertida na que, como é habitual nos espectáculos da compañía do TrinkeTrinke, non faltou a música.

Despois do parón obrigado pola situación sanitaria, os nenos e nenas de Carballo tiñan moitas ganas de reencontrarse cos seus amigos orelludos e bigotudos, que seguirán visitando a nosa vila periodicamente ata o mes de xuño. Como xa é habitual na nosa programación cultural, é posible ver todas as súas actuacións na propia biblioteca ou sen moverse do sofá. As retransmisións en directo, que acumulan centos de visualizacións, realízanse a través das canles de YouTube do Concello de Carballo e da Biblioteca Rego da Balsa, así coma das páxinas de Facebook de Bibliotecas, Cultura e Concello de Carballo, para que teñades onde escoller!

Debido ao protocolo especial establecido para as funcións presenciais e á limitación do aforo, ás funcións na Biblioteca Rego da Balsa poden asistir nenos e nenas de de 5, 6 e 7 anos e unha persoa adulta por cada grupo de conviventes. As reservas realízanse exclusivamente por teléfono, no 981 758 580, dende o mércores anterior a cada función.

Como vén sendo habitual, os Ratos de Lonxedetodo ofrecerán dúas sesións de cada espectáculo: ás 17:00 e ás 18:30 horas. Este é o calendario para as vindeiras semanas:

  • 17 de marzo: "Coelliño branco"
  • 31 de marzo, "Paxariños"
  • 14 de abril: "Contos para andar o camiño"
  • 28 de abril: " Lonxedetodo en festas!"
  • 12 de maio: " Os ratiños da caixa"
  • 26 de maio: " Inventando contos"
  • 2de xuño: "Viaxe a África"
  • 16 de xuño: "Festa da poesía"

Compartir: