Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo convida a toda a...

O Concello de Carballo convida a toda a cidadanía a participar na concentración telemática do Día das Mulleres

Todas as mulleres da corporación municipal participarán na lectura do manifesto final e nun “lipdub” reivindicativo que se presentará o 8 de marzo

Domingo 7 de marzo do 2021 Carballo ao día

Este 8M será o máis simbólico da historia de Carballo, porque dende a área de Igualdade optamos por promover unha serie de actividades que non só tratan de implicar a toda a poboación na loita pola igualdade senón tamén de utilizar elementos simbólicos que permanezan moito máis alá dunha xornada no noso pobo.

O acto central do 8M será a concentración telemática que celebraremos ás 20.00 horas a través da plataforma www.carballoenrede.com, que utilizamos por primeira vez, con moito éxito, noutra data simbólica do feminismo: o 25 de novembro. A experiencia será moi semellante. A partir das 20.00 horas todas as persoas que o desexen, dende calquera lugar do mundo, poderán conectarse dende o ordenador ou o teléfono móbil para amosar o seu compromiso coa igualdade. Pódese participar directamente dende ese enderezo web ou utilizando os banners de acceso que están dispoñibles na páxina web do Concello de Carballo e na edición dixital de La Voz de Galicia. Poderemos ver en tempo real canta xente está conectada e dende onde, así que cantas máis e cantos máis sexamos, moito mellor. A concentración durará 15 minutos e rematara coa lectura do manifesto do 8M aprobado polo municipalismo galego a través da Fegamp. Será unha lectura coral, coa participación das nove concelleiras da corporación municipal.

Pero a implicación das mulleres de todos os partidos vai máis alá, xa que tamén participan nun “lipdub” que se presentará o mesmo luns 8 ás 08.00 horas a través das redes sociais do Concello de Carballo. Maica Ures, Belén Lendoiro, Milagros Lantes, Maruxa Suárez, Mar Eirís, Paula Nogueira, Beatriz Neira, Mari Carmen Vila e María Torres interpretarán un fragmento do tema “Que non mo neguen”, das Tanxugueiras, ás que agradecemos a súa colaboración. E facémola extensible ademais ás mulleres de Grupo Calvo, Supermercados Familia, Balcotex, Parque de Bombeiros, Oficina de documentación da Policía Nacional, restaurante Pementa Rosa, Bergantiños FC, Agrupación de Mariscadoras Fonte de Santa Helena e Biblioteca Rego da Balsa, que tamén participan no vídeo.

Dende o 24 de febreiro, Día de Rosalía, vimos desenvolvendo outras iniciativas. Tras a colocación das primeiras placas de cor violeta, o 8M todas as rúas de Carballo dedicadas a mulleres que loitaron pola igualdade aparecerán identificadas con placas violetas. E nas principais vías de acceso ao noso concello tamén se instalarán grandes paneis multicores que simbolizarán a partir de agora a loita de Carballo contra todas as violencias.

Outra acción simbólica será a iluminación da Casa de Concello de cor morada durante as noites do domingo 7 e o luns 8. E ademais, coa colaboración de Ecovidrio, a vindeira semana colocaremos colectores de vidro da mesma cor dedicados a tres mulleres galegas que fixeron historia en diversos campos e tamén na loita feminista: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal.

As actividades organizadas pola Concellaría de Igualdade arredor do 8M inclúen, por último, unha campaña de divulgación do Centro de Información á Muller (CIM) que se levará a cabo nas vindeiras semanas en centros de educación secundaria e establecementos comerciais para dar a coñecer os servizos que teñen á súa disposición as mulleres do noso concello.

Ligazóns

Compartir: