O Mercado Municipal reabre as súas portas cos postos situados provisionalmente na planta soto
A empresa que executa as obras de reforma e os/as comerciantes traballaron durante estes últimos días no acondicionamento do espazo
Luns 8 de marzo do 2021 Carballo ao día
O Mercado Municipal de Carballo reabre as súas portas este martes 9 cos postos situados provisionalmente no soto do edificio. A empresa Desarrolla Obras y Servizios, adxudicataria do proxecto de reforma, e os/as comerciantes da praza de abastos traballaron durante estes últimos días no acondicionamento do espazo para seguir desenvolvendo a súa actividade nas mellores condicións posibles tanto para eles/as coma para a súa clientela.
O traslado dos postos permitirá levar a cabo con maior comodidade e rapidez as obras de mellora do edificio, que pretenden revitalizar e modernizar o mercado para que poida entrar a formar parte da rede de mercados excelentes de Galicia. O prazo de execución estimado é de 45 días.
O acceso ao mercado provisional realizarase dende a Praza do Concello, pola entrada principal do soto. O espazo dividiuse por áreas para facilitar a localización dos postos, de xeito que, coma na planta primeira, hai unha zona para panadarías e queixería, outra para peixarías, outra para carnizarías e outra para froitaría.