Masiva participación da sociedade carballesa na celebración virtual do Día das Mulleres
Máis de 250 persoas sumáronse á concentración telemática na plataforma www.carballoenrede.com e máis de 1.000, a través das redes sociais
Luns 8 de marzo do 2021 Carballo ao día
Imaxe do mapa de participación na concentración virtual
A sociedade carballesa volveu a amosar a súa implicación na loita pola igualdade real entre mulleres e homes cun seguimento masivo das actividades telemáticas promovidas ao longo da xornada pola Concellaría de Igualdade. Na concentración virtual que se celebrou ás 20.00 horas participaron máis de 250 persoas a través da plataforma www.carballoenrede.com e máis de 1.000 a través das redes sociais. En Facebook, concretamente, a emisión en directo chegou a 1.110 persoas (76% mulleres e 24% homes), e non só de Carballo ou da comarca, senón de toda a península e de países coma Suíza, Holanda, Reino Unido, Venezuela ou Suecia.
A concentración virtual comezou coa emisión do “lipdub” protagonizado por mulleres de Carballo, entre elas todas as concelleiras da corporación municipal, que na súa estrea acadou 14.953 visualizacións entre Facebook (a maioría), Instagram, Twitter e YouTube. Despois de 15 minutos nos que se amosaron imaxes en directo da Casa do Concello iluminada de cor morada e doutros espazos públicos da vila, o acto reivindicativo rematou coa lectura coral, por parte das nove concelleiras carballesas, do manifesto do 8M aprobado polo municipalismo galego a través da Fegamp.
A Casa do Concello, iluminada de cor morada
Pero os actos do Día das Mulleres en Carballo non se limitan ao 8 de marzo. De feito, xa arrincaron o 24 de febreiro, Día da Rosalía, unha das grandes voces galegas da literatura e do feminismo, coa colocación da primeira placa de cor violeta na rúa que leva o seu nome, e hoxe completouse a identificación de todas as rúas dedicadas a mulleres que destacaron na historia recente pola súa loita pola igualdade.
Outra acción simbólica moi ben acollida é a iluminación da Casa do Concello de cor morada durante as noites de onte e hoxe. A foto da estrea da iluminación contabilizou 10.084 visualizacións nas redes sociais. Ao longo desta semana continuarán as iniciativas encamiñadas a visibilizar ás mulleres e a seguir dando pasos polo camiño cara un futuro en igualdade.