Convidámoste a descubrir unha nova ruta urbana polas rúas dedicadas a mulleres pioneiras
A Concellaría de Igualdade estende a toda a semana as actividades conmemorativas do Día das Mulleres
Martes 9 de marzo do 2021 Carballo ao día
A rúa Juana de Vega está situada xunto á escola infantil A Braña
A Concellaría de Igualdade continuará ao longo de toda esta semana co programa de actividades conmemorativas do Día das Mulleres. Ademais de manter a iluminación nocturna da Casa do Concello ata o domingo, cada día queremos presentarche ou propoñerche unha nova iniciativa. A de hoxe é unha ruta urbana polas rúas dedicadas a mulleres pioneiras que loitaron pola igualdade, e que dende o día 8 están identificadas con placas de cor violeta nas que, ademais no nome da muller, figuran os anos do nacemento e a morte e o motivo polo que son coñecidas.
Esa nova ruta permitirache, ademais de descubrir a esas mulleres, pasear por zonas da vila con historias moi diferentes, dende o Carballo máis céntrico, onde se atopa a renovada rúa Concepción Arenal, ata a a contorna da fracasada urbanización Costa Nariga, na que se sitúan a maior parte das rúas con nome de muller. Algunhas estaban sen identificar, pero agora xa podes facer un percorrido completo por ese ámbito, por certo moi utilizado para o paseo, a través das rúas da escritora Syra Alonso (1899-1970), da xornalista Sofía Casanova (1861-1958), da activista e política Clara Campoamor (1888-1972), da actriz e bailarina Carolina Otero (1868-1965), da escritora e violinista Luisa Villalta (1957-2004), da pedagoga María Barbeito (1880-1970), da escritora e costureira María Mariño (1907-1967) ou da activista social e política Juana de Vega (1805-1872).
Moi preto da urbanización atopamos outro conxunto formado polas rúas da escritora e xornalista Emilia Pardo Bazán (1851-1921), da pintora Maruja Mallo (1902-1995) e da actriz María Casares (1922-1996), situadas no ámbito das coñecidas como Casas de Ferreiro “por ser o seu promotor Gerardo Ferreiro”, como lembra Xan Fraga en “Crónicas de Carballo II”. O grupo está integrado por catro bloques, con 28 vivendas en total, que se remataron entre 1959 e 1960, para o aluguer de renda limitada.
De regreso ao centro da vila pasaremos pola rúa dedicada a Rosalía de Castro xa dende a época franquista, o que demostra, en palabras do alcalde, Evencio Ferrero, a importancia da súa figura a nivel literario pero tamén de compromiso co feminismo. Rosalía de Castro, xunto con Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal serán as protagonistas da próxima acción da semana dedicada á muller en Carballo, prevista para mañá mércores.