Inicio Carballo ao día Hemeroteca A campaña #MulleresConEco reforza as...

A campaña #MulleresConEco reforza as accións de visibilización da muller introducindo elementos simbólicos na paisaxe urbana

Expostos na Praza do Concello, coa colaboración de Ecovidrio, tres colectores dedicados a Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal que se colocarán nas rúas que levan os seus nomes

Mércores 10 de marzo do 2021 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o xerente de Ecovidrio en Galicia, Germán Fernández, presentaron hoxe a campaña #MulleresConEco, unha iniciativa conxunta que reforza as accións de visibilización da muller introducindo elementos simbólicos na paisaxe urbana, neste caso, en concreto, tres colectores de cor morada dedicados a tres mulleres con tanto eco coma Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal, e nos que a partir de agora poderemos depositar os envases de vidro.

As concelleiras de Igualdade, Maica Ures, e Planificación Urbana, Milagros Lantes, e o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, participaron tamén no acto, que se celebrou xunto aos colectores, situados provisionalmente na Praza do Concello. Durante toda esta semana, coincidindo cos actos conmemorativos do Día das Mulleres, os contedores estarán expostos neste emprazamento, pero a partir da vindeira semana cada colector instalarase na rúa que leva o nome da muller correspondente. Ademais de visibilizar a mulleres que fixeron historia, o obxectivo da iniciativa, realizada especificamente para o noso concello, é fomentar a reciclaxe dos envases de vidro.

Carballo, como destacou Germán Fernández, é un concello de referencia dentro de Galicia. No ano 2019 contribuímos á reciclaxe de 22,9 quilos de vidro por habitante, converténdonos no concello galego no que máis vidro se recicla despois das sete cidades. No 2020, malia que a media diminuíu en todo o territorio por efecto da COVID-19, sobre todo debido aos peches da hostalaría, seguimos superando os 20 quilos por habitante, mentres que a media galega é de 18, segundo indicou o xerente de Ecovidrio.

Ecovidrio é a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión do reciclado de residuos de envases de vidro en España. A súa misión é garantir o reciclado de alta calidade a través do contedor, potenciar as infraestruturas de contenerización e recollida, investir en plans e recursos destinados a incrementar a reciclaxe de envases de vidro na hostalaría, mobilizar á cidadanía a través de campañas de sensibilización e promover a prevención e o ecodeseño nos envases. No noso concello están instalados un total de 309 iglús nos que podes depositar os envases de vidro, é dicir, hai un colector por cada 101 habitantes. Utilizalos correctamente permitiranos contribuír ao desenvolvemento sostible, fomentar a transición cara a economía circular e loitar contra o cambio climático.



Galería

Compartir: