Recoñecemento do Concello de Carballo ao club Sysca polos bos resultados acadados nos Campionatos de España
O alcalde e o concelleiro de Deporte ofreceron unha recepción aos deportistas participantes nas probas disputadas en Elche e Valladolid
Mércores 10 de marzo do 2021 Deporte
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, ofreceron esta mesma tarde unha recepción aos deportistas do club Sysca que representaron ao noso concello no XXXV Campionato de España, que acudiron acompañados polo adestrador, Luis Velo, e o presidente do club, Ramón Rodríguez.
Os días 6 e 7 de febreiro celebrouse en Valladolid a competición nas categorías infantil e cadete. O club carballés estivo representado por Raquel Suárez, que foi 4ª en 100 metros obstáculos e 12ª en 100 metros aletas; Sara Puñal, 11ª en 100 metros aletas, e Samuel Baldomir, que competiu en 50 metros arrastre maniquí mellorando a súa marca persoal.
A finais de mes disputouse en Elche o campionato de inverno nas categorías xuvenil, júnior e absoluta. O Sysca foi o representante galego máis destacado, xa que aportou 5 dos 12 deportistas que se desprazaron ata terras alacantinas dende a nosa comunidade autónoma, e ademais acadou moi bos resultados:
- Gabriel Rodríguez Colferai proclamouse dobre campión de España en 100 metros socorrista e 100 metros aletas, bateu ademais o récord galego na proba de 100 metros aletas e ademais acadou un noveno posto en 50 rescate e o sexto en 200 supersocorrista.
- Ricardo Mouro Periscal rebaixou en 3 segundos a súa marca persoal en 200 obstáculos, acadando un 7º posto, ademais do 15º en 100 metros combinada e 20º en 50 rescate.
- Adrián Martínez Cotelo conseguiu meterse entre os mellores de España na proba de 100 metros aletas, na que acadou un 8º posto, e foi 12º en 100 socorrista.
- Joaquín Mouro Periscal baixou un segundo en 200 obstáculos, na que foi 15º, e tamén acadou un posto 16 en 100 aletas.
- Pablo Angeriz Bello foi 29º en 100 combinada e 36º en 50 rescate.
Marcos Trigo expresou os parabéns do Concello de Carballo ao Sysca polos resultados acadados pero tamén polo traballo que está a facer no deporte de base, especialmente importante para fomentar unha vida saudable dende a infancia.
Evencio Ferrero, ademais, agradeceu que os/as deportistas do club leven o nome de Carballo con orgullo e que representen os valores que deben identificar ao deporte. “No nome de todos os carballeses e carballesas, trasládovos o recoñecemento público polo traballo exemplar que estades a facer, e oxalá que este traballo exemplar poidades seguilo desenvolvendo moitos anos e con moitos éxitos, pero detrás dos éxitos están o esforzo, o sacrificio, a entrega, o compañeirismo, e eses son os valores que nunca deberían perderse”, manifestou o alcalde.
Os representantes do Concello de Carballo agasallaron ao club cun carballo de Sargadelos, e o Sysca correspondeu coa entrega de cadanseu gorro da nova equipación ao alcalde e o concelleiro.