Carballo reivindícase como “concello libre de violencias” con grandes paneis situados nas principais vías de acceso
Os tres primeiros foron colocados esta semana nos accesos dende Coristanco, Malpica e Cerceda, pero tamén se instalarán nas entradas dende Santiago e A Coruña
Xoves 11 de marzo do 2021 Carballo ao día
Carballo quere ser un concello libre de violencia contra as mulleres pero tamén doutras formas de violencia. Por iso, dentro das actividades programadas pola Concellaría de Igualdade arredor do 8M iniciamos a instalación de grandes paneis multicolor nas principais vías de acceso ao noso concello. Os tres primeiros están xa colocados nas estradas de Coristanco, Malpica e Cerceda, e nas vindeiras semanas instalaranse tamén nos accesos dende A Coruña e Santiago.
Os paneis, creados polo deseñador gráfico carballés Oti Fernández, inclúen varios elementos moi simbólicos, coma o arco da vella, o corazón de eu quero a Carballo pero multicolor en vez de vermello e o logotipo do Concello de cor morada. Todo iso xunto co lema “Carballo. Concello libre de violencias”, reflicte á perfección non só un desexo, senón tamén un motivo para estender a todo o ano o traballo a prol da igualdade, o respecto, a tolerancia, a solidariedade e a inclusión real.
Estes novos elementos da sinalización urbana veñen a sumarse ás accións simbólicas que vimos desenvolvendo ao longo de toda a semana: sinalización das rúas dedicadas a mulleres con placas de cor violeta, creando deste xeito unha nova ruta urbana; iluminación nocturna da Casa do Concello coa mesma cor dende o domingo 7 ata o domingo 14 de marzo; instalación de colectores para vidro dedicados a mulleres que fixeron historia ou a concentración telemática que celebramos o luns a través da plataforma www.carballoenrede.com.