Inicio Carballo ao día Hemeroteca As incidencias no alumeado público...

As incidencias no alumeado público reducíronse un 30% dende a implantación das luminarias led

Ao longo deste ano está prevista a substitución das últimas lámpadas de vapor de sodio, o que permitirá minorar aínda máis os problemas

Xoves 11 de marzo do 2021 Carballo ao día

A empresa concesionaria do servizo de alumeado público, Ferroser, atendeu o ano pasado 242 incidencias, un 30% menos das que se rexistraban antes da implantación das luminarias led. Aínda que houbo momentos puntuais, como o mes de febreiro do ano 2014, no que se superaron os 400 avisos por mor da sucesión de temporais, a cifra de incidencias nos anos previos á substitución das novas luminarias, que empezaron a entrar en servizo a mediados do 2014, situábase arredor das 350 de media ao ano.

Dende Ferroser confirman que o cambio das lámpadas é o principal factor redutor das incidencias, fundamentalmente porque a vida útil dunha lámpada de vapor de sodio é duns catro anos, mentres que as led poden durar entre dez e quince. Máis da metade dos avisos recibidos o ano pasado, de feito, están relacionados co medio milleiro de lámpadas de vapor de sodio que aínda existen no noso concello, e que está previsto substituír ao longo deste ano. Deste xeito, o Concello de Carballo, que foi pioneiro no seu momento ao implantar luminarias led en 7.500 puntos de luz, estaría iluminado na súa totalidade con esta tecnoloxía no ano 2022.

Xunto coas lámpadas de vapor de sodio, tormentas e cortocircuítos son tamén responsables de boa parte das avarías do alumeado público. Neste sentido, lembramos á cidadanía que é importante comunicar á maior brevidade calquera incidencia que se detecte, ben a través do número de teléfono 902 350 365, do servizo Avisaweb ou da APP de avisos do Concello de Carballo, dispoñible para IOS e Android. O servizo de mantemento está operativo as 24 horas.

Ademais do mantemento e a conservación de máis de 8.000 puntos de luz, 200 cadros de mando e control e máis de 200 quilómetros de rede de alumeado público, o contrato inclúe a colaboración con distintos departamento na iluminación de todo tipo de actos ou mesmo da Casa do Concello, que esta semana está iluminada de cor morada.

Compartir: